Son Goku celebra 30 anos falando en galego: "onda vitaaaaaal xa"

 

Dragon Ball cumpre 30 anos en galego // @TVGalicia

Hai 30 anos, un 8 de febreiro de 1990 a rapazada galega escoitaba por vez primeira aquela locución misteriosa: “Hai moitos ,moitos anos, nunha era misteriosa da que ninguén sabe absolutamente nada, vivía na profundidade das montañas no medio dun fermoso val moi lonxe da cidade un neno soíño. A súa única compaña era a nai natureza”.

Son Goku, Bulma, Yamcha e Mutenroi colleitaron un enorme éxito de audiencia e acabaron por converter a Dragon Ball, ou no caso de Galicia “As bólas máxicas”, nunha serie de culto para varias xeracións. Con todo, non fomos os primeiros en coñecer as súas aventuras. A serie chegou en primeiro lugar a Andalucía, en marzo do 1989, causando certo ruxerruxe entre os pais polo contido violento e sexual. Mais tarde, en outubro dese mesmo ano, comezou a falar euskera na ETB, para finalmente aprender o galego en febreiro do 90. A televisión catalá estreou a serie unha semana despois.

Nun fío en Twitter, a TVG lembra que parte do éxito deriva do bo traballo da dobraxe. Son Goku tivo inicialmente a voz de Tonia Fuentes, que foi cambiada cando este creceu pola de Julio Lorenzo. Luz Tellería, foi a encargada de poñerlle voz a Bulma e Antonio Durán Morris foi o responsable de interpretar ao xenio da Tartaruga, o mestre Mutenroi. Pola súa parte, María Xosé Collazo puxo voz a Puar, Alfonso Agra a Yamcha e Manuel Pombal fixo o propio con Oolong.

Con todo, a dobraxe e os diálogos tamén viviron a polémica. Debido a que a serie baseábase na tradución francesa, moitas veces producíanse erros na propia adaptación, ademais de que diferentes escenas chegaban censuradas polo seu contido sexual e, por veces, sexista.

Como curiosidade, mentres que en Cataluña e Euskadi recolleron o archicoñecido ataque de Son Goku coa coñecida fórmula “Kame Hame Ha”, en Galicia decidiuse traducila por “onda vital”. Unha tradución que finalmente foi adoptada tamén, en galego, pola propia versión en español.

¿NO TIENES EL SERVICIO DE ALERTAS DE WHATSAPP?
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo.

Darme de alta <> Quiero saber más

O éxito no fenómeno fan foi tal que a serie forma parte do imaxinario común de varias xeracións de mozos e mozas galegas. Entre as curiosidades, un usuario encargouse de dixitalizar e subir a Youtube diferentes momentos, erros e momentos épicos da emisión en galego da serie. A canle conta con máis de 150.000 visualizacións.

Como chegou a Galicia?

A propia Televisión de Galicia, que celebra o aniversario nas súas redes sociais, explica que a serie chegou case por necesidade. Ante o problema que vivían as canles autonómicas para adquirir títulos, xa que as grandes distribuidoras preferían venderlle series e películas de éxito ás televisións estatais, decidiron buscar mercados non atendidos. Foi entón cando, segundo contan dende a CRTVG, “nun MIPCOM (Mercado Internacional de Programas de Comunicación) déronse de conta de que o mercado xaponés non estaba nada aproveitado. O que máis lles chamou a atención foi unha serie completamente descoñecida sobre un rapaz con rabo de mono que buscaba unhas bólas máxicas”. E así comezou a entrada do anime xaponés que tanto éxito colleitou no Xabarín Club.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*