Parques infantís pechados en Redondela e Tui ante a imposibilidade de controlar o aforo

Diversidade de posicións nos municipios da área metropolitana sobre a repertura dos parques infantís, xa permitida pola Xunta de Galicia aínda que con control de desinfección e aforo. Namentres O Porriño ou Salvaterra apostan por reabrir, outros como Tui e Redondela anuncian que non están en disposición de facelo. Seguen así os pasos de Vigo que xa anunciou a dificultade para poder manter a seguridade dos rapaces.

O Concello de Tui acordou polo momento non autorizar o uso destas instalacións dado que “non se poden cumprir as condicións sanitarias establecidas”. Nos próximos días instalaranse columnas de hidroxel e cartelería coa normativa nos accesos aos parques máis frecuentados, pero o control de aforos e a desinfección que tería que levarse a cabo non é asumible para o Concello. Así o explica o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalando que “a competencia de reapertura é municipal pero se fixan uns criterios de índole sanitaria que cumprilos por parte dos concellos é sumamente difícil e suporían un custe inasumible”.

Coincide na valoración o Concello de Redondela, que manterá pechados os parques infantís e zonas biosaudables do municipio ata que se estuden, por parte dos técnicos municipais, as posibilidades da súa apertura paulatina e controlada, unha apertura que “dende logo non é a que propón a Xunta de Galicia, dun día para outro, adoptando medidas que afectan aos concellos pero, como é habitual, sen contar para nada coa opinión dos propios concellos”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Rivas critica a “improvisación” da Xunta logo de estar “literalmente desaparecida durante un estado de alarma no que os concellos tivemos que asumir competencias que non eran nosas para non deixar desprotexidos aos nosos veciños e veciñas”.

As normas publicadas no Diario Oficial de Galicia establecen, entre outras medidas, a desinfección diaria das zonas de xogo, limitación de aforo con 4 metros cadrados por cada neno ou nena e colocación de dispensadores de hidroxel.

Multas en Tui

Tanto en Redondela como en Tui diferentes persoas romperon onte os precintos existentes e accederon aos parques. No caso da cidade miñota, o Goberno local avisa que “esta conducta poderá ser sancionada pola Policía Local, xa que polo momento non se poden usar”. Ambos rexedores piden prudencia e responsabilidade á veciñanza ante a pandemia do coronavirus.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*