O coronavirus arrebata milleiros de vidas. Muda a nosa vida diaria, un cambio que nos obriga tamén prescindir das nosas festas. A normalidade poñíanos este 10 de abril, Venres Santo, nas Neves. Ía ser un día de troula, unha xornada para degustar este tesouro gastronómico que estaría acompañado de diferentes propostas como o “pregón gastronómico” do chef Iñaki Bretal ou o concerto de Xabier Díaz.A cita aprazouse ao 11 de outubro. Sen embargo, o Concello quere que este 10 de abril todas a todos festexemos dende as nosas casas esta festa declarada de Interese Turístico de Galicia.
As Neves sinala que abril é o mes perfecto para consumir requeixo e mel. Por iso, o Concello pon en marcha #RequeixoNaCasa, un xeito de compartir este produto tan típico do municipio do mesmo xeito que se estivésemos na Feira, aínda que neste caso dende as nosas casas.
A idea desta acción que lanza o Concello das Neves é lembrar a calidade, a particularidade e o saber destes dous produtos tan queridos polos nevenses, subindo ás redes socias fotos e vídeos coa etiqueta #RequeixoNaCasa nos que o requeixo e o mel sexan os grandes protagonistas. As imaxes poden ser elaboracións de receitas, degustacións, historias, mesmo cancións ou refráns relacionados co requeixo e o mel. Preparen os seus padais para festexar a “primeira parte” desta Feira do Requeixo e do Mel 2020. A segunda, o vindeiro 11 de outubro.