Bernarda Espida é un personaxe ficticio, creado polo escultor Xavier Costa, que cobra vida para relatar, desde o seu nacemento e ata a súa norte, a cámara dos horrores que o último terzo do século XX e o principio do XXI foi para moitas mulleres en diversos puntos do mundo. Formada por 54 pezas esculpidas ao longo de cinco anos en pedra, madeira e ferro, e por outros tantos gravados, que son o relato pictórico da historia desta heroína galega, a serie Bernarda Espida recrea a historia dunha muller libre, lesbiana, feminista e revolucionaria, golpeada pola crueldade das guerras, as ditaduras, a tortura e a represión. “O público debería achegarse á exposición cun ánimo aberto, cunha actitude crítica-construtiva e cunha consciencia da barbarie e violencia do último terzo do século XX e principios do XXI, extrapolable á actualidade, e polo tanto o ánimo ten que ser de rebeldía e rexeitamento á inxustiza”, explica o autor da mostra, que se pode visitar no edificio Redeiras de O Berbés.
A mostra, enmarcada nas actividades organizadas polo Partido Comunista de Galicia en Vigo para conmemorar o centenario da fundación do Partido Comunista de España, foi presentada o pasado 16 de novembro nunha rolda de prensa, na que ademais do escultor Xavier Costa, participaron Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo e Betty León Fong, comisaria da mostra e representante da comisión de cultura do Partido Comunista de Galicia en Vigo. Caparrini aludiu na súa intervención á actividade cultural que desenvolve a UVigo, como un xeito máis de devolver á sociedade o que ela inviste na institución académica, ademais de lembrar a aposta da Universidade pola igualdade. “Estas dúas circunstancias, xunto co feito de que con esta exposición o edificio Redeiras se abre por fin ao público, outorgan a esta mostra un valor engadido”, dixo Caparrini. Pola súa banda, Betty León destacou o compromiso da UVigo coa igualdade , así como “o traballo do Partido Comunista en Vigo e a xenerosidade de Xavier Costa”, para facer posible a celebración desta exposición.
A exposición, que antes de chegar a Vigo, puido visitarse en Santiago de Compostela na Sala Fundación Torrente Ballester e en Lugo no O vello Cárcere, abrirase poderase visitar, solicitando cita previa, ata o 30 de decembro, entre as 17:00 e as 20:00 horas, en quendas dunha hora e en grupos dun máximo de 30 persoas.
A Escola de Mecánica da Armada na Arxentina, as celas dos cárceres de Pinochet en Chile e a prisión de Abu Ghraib en Irak son algunhas das paradas na loita contra os réximes totalitarios de Bernarda Espida, que en palabras de Xavier Costa “loitou pola xustiza e a liberdade e foi perseguida, exiliada, detida, golpeada, torturada e violada por todos los réximes ditatoriais, foi executada e o seu corpo foi abandonado nas eiras para ser pasto de pegas e corvos. Pero como Prometeo converteuse en rocha e forma parte da paisaxe galega". Partindo da figuración e empregando materiais como o ferro, o estaño, madeira e pedra, combinando granito, mármore de Macael, cuarzo ou pedra de Tivissa ou de Vinarós, o escultor establece un contraste de rugosidades e tons que achegan, ben dramatismo, ben sensualidade, segundo a peza, nas que ademais do horror, están representadas o erotismo, o amor e a alegría. “Bernarda é unha metáfora. Lesbiana que fai ostentación da súa sexualidade e unha obesa satisfeita co seu corpo”, detallou Costa sobre a súa obra que se divide en tres partes ou misterios que van do nacemento á transmutación do cadáver de Bernarda nunha rocha da paisaxe galega.
“Só fai mulleres, mulleres sensuais, mulleres fermosas na súa inmensa humanidade, aínda que non cumpran os canons mercantilistas que nos queren impoñer”, destaca Betty León, para quen as esculturas de Xavier Costa, “disfrútanse co sentido do tacto. É unha delicia acariñalas, o que, pola covid, non podemos facer nesta exposición”, lamenta a exdocente e investigadora da UVigo, que coñeceu a obra do escultor de Chantada, aínda que afincado en Sant Cugat del Vallés, en 2003.
As persoas que se acheguen ao edificio Redeiras é unha serie de 54 pezas totalmente rematada, segundo Costa, porque “son maior, e actualmente xa non estou esculpindo e penso que Bernarda é unha serie pechada que foi concibida para rematar coa súa morte”, explica o autor.
Para as e os integrantes da comisión de cultura do Partido Comunista de Galicia en Vigo, dispor desta mostra dentro da programación de actos conmemorativos da fundación do Partido Comunista de España, semella mesmo algo obvio e é que, segundo explica Betty León, ningunha outra proposta escultórica condensa mellor o centenario de loitas por unha sociedade máis xusta do PCE, que ademais “conta con figuras senlleiras na loita antifascista e pola mellora das condicións de vida da clase obreira: Dolores Ibárruri, Mercedes Núñez Targa, María Araújo Martínez, Enriqueta Otero e Pilar García Jiménez, entre outras, que deron sentido cos seus exemplos ao conceptos de solidariedade, liberdade, rebeldía e igualdade”, detalla a comisaria da mostra.
Para a comisaria da mostra a Bernarda Espida que Xavier Costa propón sintetiza ademais os sufrimentos de demasiadas mulleres esmagadas pola sociedade aínda fortemente patriarcal e cega a outras realidades sexuais. “É unha muller que simboliza a todas aquelas mulleres que deciden loitar por unha fonda transformación da sociedade, para eliminar definitivamente as desigualdades entre os sexos e pola liberación de mulleres e homes da opresión baseada na explotación da maioría da poboación por uns poucos propietarios dos medios de produción”, explica Betty León Fong.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL