A moda converteuse xa en tradición. O inicio do verán en Moaña aseméllase ao final dos Xogos Olímpicos. Cada edición rematada é a mellor da historia. Algo así sucede na vila morrecense, que propón cada ano unha serie de argumentos para gozar da mellor época estival da nosa vida. Nesta ocasión, son un total de 45 razóns -podedes chamarlle eventos- acompañadas, como vén sendo habitual, dunha imaxe de Moaña captada pola ollada de Diego Seixo.
Este preto de medio centenar de eventos son variados. Unha especie de guía, de mapa con 45 paradas ata chegar a ese mellor verán da nosa vida. Unha das grandes novidades con respecto á programación do ano pasado é que desaparecen as restricións que marcaba a Covid, polo que a cultura gozarase, de novo, por todo o alto nunha oferta cultural e de ocio na que predominan os festivais de balde, a gastronomía, os roteiros guiados, a música, o cinema ao aire libre ou o deporte.
Pero este menú cultural e de ocio composto por 45 eventos está deseñado de tal maneira que pon en valor os diferentes recunchos de Moaña. O arboredo da Xunqueira, o Paseo Marítimo, o Parque de San Bartolomeu ou outros tesouros da vila acollerán as diferentes actividades que xa comezaron en xullo e que se prolongaran ata o mes de setembro.
Ata ese mes de setembro haberá un longo camiño de diversión, de pura cultura e puro ocio onde predominan citas como o Varadero Fest que terá lugar esta fin de semana, o Festival Intercéltico do Morrazo a finais deste mes ou o Festival de Jazz de Moaña. A nivel musical, as veciñas e veciños de Moaña e os visitantes terán a súa disposicións concertos da magnitude de Guadi Galego, Mitic ou Su Garrido Pombo.
Outra das estrelas da programación de Moaña son os roteiros guiados e de balde de “Descubre Moaña”, unha serie de andainas, algunhas delas nocturnas, que teñen como novidade un percorrido pola Poza da Moura e na que repiten itinerarios como os escenarios de “O último barco”, a última novela de Domingo Villar, a Ruta Intermareal de Tirán ou as Canteiras do Litoral. Por outra banda, o vindeiro 24 de xullo terá lugar a presentación da variante do Camiño Portugués pola Costa.
Moaña volverá a converterse nun cinema itinerante. O programa “Son de Cine”, que xa comezou o pasado 1 de xullo, levará o sétimo arte ás diferentes parroquias da vila cunha “carteleira” con filmes de diversas temáticas, tales como “Toy Story 4”, “Maixabel”, “Detective Pikachu”, “Cruella” ou “Cuñados”.
Ao longo de xullo, agosto e setembro, Moaña tamén acollerá actividades deportivas como a Festa da Bicicleta, torneos de balonmán-praia, a exposición homenaxe a Domingo Villar titulada “Moaña colle o último barco”, que estará do 2 ao 7 de agosto na Praza de Abastos ou citas gastronómicas como a Feira do Mel ou citas como A Moa, que permitirá gozar da mellor artesanía e música tradicional.