A exposición "Auga, o sangue da terra", que será inaugurada o 1 de febreiro ás 19.30 horas, realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
Percorrendo o paso da auga en tres escenarios
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, "Os estados da auga", recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
"A auga e a vida" conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
"Vivindo na escaseza" é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.
Cando poderá visitarse?
A exposición poderá visitarse na Sala de Exposicións Municipal, situada na Área Panorámica, entre o 1 e o 22 de febreiro de xeito gratuíto. Esta mostra chega á vila fronteiriza grazas ao convenio de colaboración cultural asinado polo o alcalde, Carlos Vázquez Padín; a directora de Oficina de ABANCA de Tui, Uxía Arranz Costas; e a Coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
Durante a presentación do convenio, esta mañá n na casa do Concello, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosou a súa satisfacción por poder chegar a este acordo con ABANCA e Afundación, acordo que agarda “sexa o primeiro de moitos sucesivos”.
O rexedor tudense lembrou que Tui “é unha das cidades máis importantes de Galicia dende a perspectiva histórica, monumental e artística” apuntando a importancia de sumar sinerxias con entidades máis fortes.