O proxecto “Bueno Carallo Bueno” feito pintura. O mércores 19 de xullo, ás 20:00 horas, o local de Évame Oroza (subida á Costa 5, Casco Vello Alto
de Vigo) acolle a inauguración da mostra de pintura de José Freixanes e tamén se presentará o libro «Bueno Carallo Bueno», froito da colaboración entre o poeta Alberto Avendaño e Freixanes, publicado por Editorial Elvira.
«Bueno Carallo Bueno» expresa o “encontro apocalíptico entre a lírica de Alberto Avendaño e a pintura de José Freixanes”, explican dende a asociación. O libro ofrece unha experiencia estética para o lector e para quen observa e as intervencións e traducións en xaponés funcionan como un elemento máis da comunicación plástica.
A dobre versión, tanto en galego como en castelán, “brinda ao lector a opción de ampliar a experiencia estética e textual”, destacan dende a organización. As obras que compoñen este libro proveñen das series de cadros do pintor galego Miradas, Mudras, Anacos e Labirinto 1 e 2, as cales estarán representadas nesta mostra en Vigo, que rematará na primeira semana de setembro.
Versos e música de autor
Por outra banda, o xoves 20 de xullo á mesa hora, ás 20:00 horas, a Asociación Évame-Oroza acolle unha xornada na que versos e música de autor se xuntan para pór de manifesto o poder emocionante da poesía. Baixo o título “Suceso e sombra”, que remite a un verso de Oroza, xuntaranse as poetas Susi de la Torre, Ania Gartner, Sabrina Portela, Montse Copa, Lola Villar, Francesca López D’a Silva e Lania Santana Pérez, que lerán versos propios en galego, portugués e castelán. A cantante, e tamén poeta Iria Medraño, porá a nota musical xunto cos cantautores Pablo Vila, Jorgelito e Pedro Román.
O acto, que estará presentado pola actriz Toñi Caseiro reivindica os múltiples espazos e formatos nos que pode habitar a poesía. Por iso a organización quere levar os versos á rúa, seguindo unha idea que era fundamental no pensamento de Oroza: as rúas e prazas, como lugares cheos de auténtica vida, son o hábitat natural da cultura, nomeadamente da poesía.