Polémica polos motivos reais das reiteradas suspensións de concertos en Vigo por parte da Policía Local

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego pide ao Concello de Vigo que explique os motivos para as reiteradas suspensións de concertos que se veñen producindo nas últimas semanas por parte da Policía Local. A fronte nacionalista traslada a denuncia da plataforma Grupos en Loita, que alerta de que estas actuacións policiais non están xustificadas, polo que solicita á concellaría de Seguridade que aporte os informes e atestados para as suspensións.

“Demandamos que explique cales foron os incumprimentos normativos e as circunstancias que motivaron esa suspensión de concertos”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reclamou aclarar nese sentido se a Policía Local realizou as perceptivas medicións con sonómetro que poidan obxectivar as causas das suspensións, tal como denuncian os propios grupos musicais.

O BNG non queremos pensar que detrás haxa ningún tipo de afán de represalia contra algúns grupos que criticaron a desertización cultural e o desmantelamento das políticas xuvenís na cidade, como o caso do peche e posterior reapertura ultraprecaria de Vigosónico”, valorou Igrexas.

O edil do BNG chamou por contra a “estimular e brindar o maior apoio público” aos grupos musicais da cidade. “As administracións públicas deben facilitar o desenvolvemento dese circuíto de concertos que segue facendo de Vigo unha verdadeira vangarda musical en toda Galiza e no conxunto do Estado”, apostou.

Desde a fronte nacionalista matizaron que estas actuacións musicais deben cumprir de forma estrita coa normativa de ruídos e respectar a convivencia veciñal. Porén, e segundo as denuncias das propias bandas afectadas, as suspensións realizadas nas últimas semanas non están motivadas por ningún destes supostos.

Salir de la versión móvil