Trinta espectáculos de teatro, circo e danza chegan a partir desta fin de semana a Vigo

Publicidad

A cultura non sabe de liortas políticas. As artes escénicas unen á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo, que proporán dende esta fin de semana de 30 espectáculos que chegarán ao Auditorio Municipal. A programación, incluída na nova axenda de Vigocultura, comeza con “A compañeira de piso”, de Contraproducións. A nova proposta cultural no espazo cultural situado en Praza do Rei conta coa participación de 18 compañías de teatro, danza e circo, moitas de elas firmas galegas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o concelleiro de Cultura da cidade olívica, Abel Losada, asinaron este xoves na Cidade da Cultura de Galicia o convenio no que se detalla a actividade deste semestre, cofinanciada pola Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Vigo.

O teatro, tanto para público infantil como para o adulto, é predominante nesta carteleira, de xeito que tras a representación de “A compañeira de piso”, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), que tamén se poderá ver o sábado á mesma hora, o Auditorio Municipal recibirá os espectáculos “Crónicas do paraíso”, de Sarabela teatro (14 de febreiro); “O libro da selva”, Teatro Avento Producións (16 de febreiro); "Bernarda", de Malasombra Producións (28 de febreiro); “Jauría”, de Kamikaze Producciones (13 de marzo); “Lambetadas”, de Talía Teatro (15 de marzo); “O mel non caduca”, de Ibuprofeno Teatro (20 de marzo); “Medida x medida”, de Producións Teatrais Excéntricas (17 de abril), e “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva”, de Olivas (18 de abril), así como as seis accións escénicas que ofrecerán as compañías Teatro En Punto e Teatro En-Trance os días 6 e 7 de marzo coas súas respectivas pezas: “Margarita” e “Pulso”.

Pola súa banda, as propostas coreográficas chegarán a esta carteleira da man de Aracaladanza con “Play” (1 de marzo), Pistacatro Produtora de Soños con “ALMA (non é hippie)" (24 de abril) e Caramuxo Teatro con “Catro” (26 de abril). En canto ao circo, Galitoon escenificará o vindeiro 9 de febreiro “The Show Moscón”, mentres que Pistacatro presentará “Y ahora qué?” o 23 de marzo.

As entradas para todos estes espectáculos poden adquirirse de forma anticipada na web de Eventbrite.

Salir de la versión móvil