Dúas estreas mundiais e unha obra sobre o xuízo á Manada, reclamos do Vigocultura 2020

Dúas estreas mundiais e tres exclusivas en Galicia sitúanse coma os grandes atractivos da programación cultural de Vigocultura para o primeiro semestre de 2020. Amais, o Auditorio Municipal acollerá a representación de “Jauría”, un docuteatro baseado no xuízo realizado á Manada. Espectáculos de rúa, danza, monicreques, maxia e circo completan un programa que se desenvolverá até o 26 de abril.

Xa coma de costume, o Vigocultura comezará con representacións na rúa diante do museo Marco. As función terán lugar o venres 31 de xaneiro e o sábado 1 e domingo 2 de febreiro.

Na presentación oficial da programación, o alcalde Vigo, Abel Caballero, destacou que no ano 2019 pasaron polo auditorio do Concello máis de 10.000 espectadores en 59 funcións.

As estreas absolutas estarán compostas por “O libro da Selva” de Avento Producións (16 de febreiro), e “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva” de Olivas Negras (18 de abril). O novo espectáculo de Teatro Avento ponlle cancións e coreografías a eterna historia de Mowgli, pola que non pasa o tempo, falando de valores como a camaradería, o sentido de comunidade, e a tolerancia aos distintos a nós. Pola súa parte, Olivas Negras subirá ao escenario a dúas mulleres nas que reflectirse a través das súas fraquezas e virtudes para amosarnos unha historia de autosuperación e empoderamento feminino.

Tamén haberá tres estreas en Galicia compostas por “The Show Moscón” (9 febreiro), “La poubelle plus belle” (6 e 7 de marzo) e “Olivia y las plumas" (19 de abril).

No apartado da actualidade, destaca a chegada de “Jauría” (13 de mazo), dramaturxia a partir da transcrición do xuízo realizado á Manada, construída con fragmentos. A obra de El Pavón Teatro Kamikaze defínese como unha ficción documental a partir dun material moi real, demasiado real, que nos permite viaxar dentro da mente de vítima e vitimarios.

Descontos e prezos

Os prezos da entrada sitúanse entre os 5 e os 9 euros. O público entre os 12 e os 18 anos que poderán beneficiarse dun desconto do 50% adquirindo a súa entrada online -Eventbrite- co código “OTEATROMOLA”. Amais, existe a posibilidade de adquirir abonos de 5 e 10 espectáculos.


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*