Tui inicia a celebración do Orgullo cunha programación para loitar contra a LGTBIfobia

MonakoArtStudio/iStock

Publicidad

Música, contacontos infantís, encontros escolares e charlas informativas compoñen o “Tui con Orgullo”. Trátase dun programa co que a Concellería de Igualdade, do Concello de Tui, pretende celebrar a diversidade e loitar contra a LGBTIfobia, con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ.

As actividades comezarán mañá xoves, 17 de xuño, co encontro lector da escritora Eva Mejuto, galardoada co Premio Clubs de lectura 2021, co alumnado de ESO e Bacharelato dos Institutos IES San Paio e o IES Indalecio Pérez Tizón. O encontro xirará entorno á obra “22 segundos”, a primeira novela xuvenil galega que trata a temática trans. Participará tamén no acto o activista trans Marcos Ceive.

O programa recolle tamén dúas conferencias que se celebrarán na Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica, o xoves 24 e o luns 28 de xuño, ás 20 h, con entrada libre ata completar capacidade. “A diversidade existe” será o título da charla prevista para o xoves 24 de xuño a cargo de Soledad Fernández Costas, en representación de Chrysallis Asociación Estatal de Familias de Menores Trans. Mentres o luns 28 a Asociación Trans Miño falará sobre a “Como naceu o  movemento LGTBIQ+ en España”.

Para o público infantil haberá unha sesión de contos moi especial, a cargo de Sandra Prado Ansín, co título “Contos de todas as cores”. Será o propio luns, 28 de xuño, ás 18.30 h, na Sala Municipal de Exposicións na Área Panorámica. Vai dirixida a público de 3 a 9 anos. A entrada é libre até completar a capacidade. Nesta actividade a través de contos e xogos veremos que hai moitos tipos de familias, de formas de ser e de querer, e que todas son válidas se hai amor e respecto.

A parte máis lúdica deste programa conta coa colaboración da Concellería de Cultura. Será o domingo, 27 de xuño,  ás 13:00 horas no Palco da Música no Paseo da Corredoira da man de Lucía Aldao e María Lado, cun espectáculo poético musical chamado “O BEN QUERER(SE)”, en sesión vermú.

Con “Tui con orgullo” a Concellería de Igualdade inaugurou no Concello de Tui unha nova liña de traballo cara á visibilización e dignificación da diversidade de sexo en xénero, de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, libre de discursos de odio e respectuosa coas distintas formas de ser e de querer.

Salir de la versión móvil