A Feira de Abelendo volverá si ou si. Non queda outra. O mal tempo obrigou a aprazar a recuperación desta festa de época que suporá o encontro da veciñanza de Moaña coa súa historia. Prevista para o 20 de outubro, as malas condicións meteorolóxicas motivaron que se adiara para o vindeiro domingo 24 de novembro. Hai un mes de diferenza, pero a vila morracense segue preparada para facer a súa particular viaxe no tempo para trasladarse á década dos 50, a época de maior esplendor de esta cita que era algo así como unha gran superficie comercial daquela época.
Mentres Vigo estará cegada polas luces do Nadal -o acendido será o día antes-, Moaña propón para o domingo 24 esta festa de época que terá lugar no Campo da Feira. A recuperación da Feira de Abelendo será unha homenaxe, unha lembranza aos antepasados, unha recuperación que xa nos últimos tempos levou a cabo o Var con Uve . O evento ten dúas vertentes. Os adultos poderán revivir unha cita que marcou a historia de Moaña mentres os máis novos poderán viaxar ás orixes da vila morracense a través desta feira tradicional que contará con máis de 30 postos de venta de artesanía, comida e alimentación ou produtos de campo.
O mercado da Feira de Abelendo abrirá de 11:00 a 20:00 horas. O primeiro evento será o pasarrúas que correrá a cargo de O Fiadeiro (11:15). Pouco despois, terá lugar a inauguración da exposición fotográfica da historia da festa con explicación guiada do investigador local Manuel Uxío García Barreiro (11:30). A cita contará con diferentes talleres como o obradoiro de extracción de mel (12:30) ou os obradoiros infantís de cerámica e olería tradicional con Alén das Olas (12:00). Ao longo da xornada, os asistentes poderán gozar coa música de O Fiadeiro (13:00), Os Carunchos (18:30) ou co espectáculo familiar “A música das árbores” que correrá a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro. Ademais, a cativada tamén terá a súa disposición unha sesión de contacontos (12:45).
A Feira de Abelendo volve ao grande. Entre as propostas tamén estarán os Cantares de Cego polo Cego de Matamá e Aldariña (16:00). No espazo haberá un espazo con carpa, mesas e servizo de bar para o xantar que está previsto ás 14:00 horas. Máis aló da programación, esta cita quere ser unha festa de época non só pola viaxe a mediados do século XX, senón porque a organización suxire aos asistentes ir caracterizados. Porén, haberá unha zona ambientada para todos aqueles que o desexen fagan os seus retratos. Os que o suban ao Facebook do Concello de Moaña coa etiqueta #180anosdefeiradeabelendo poderán optar a un agasallo. Gañará a imaxe con máis “likes”. Por outra banda, ao longo da xornada sortearase unha cesta con produtos dos postos ás 14:00 e ás 18:15.