Promovida pola Facultade de Comunicación e a Fundación Carlos Velo, unha xornada conectará este mércores 22 as traxectorias vitais e creativas do cineasta galego Carlos Velo e o novelista mexicano Juan Rulfo. Aberta ao público, esta actividade terá como eixe o filme Pedro Páramo (México, 1967), no que Velo levaba a gran pantalla a novela publicada por Rulfo en 1955. Xunto á proxección desta longametraxe, previamente presentada polo vicepresidente da Fundación Carlos Velo, o crítico de cine e profesor da Facultade de Comunicación ata a súa xubilación, Miguel Anxo Fernández, esta xornada completarase coas conferencias do catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago e a escritora e profesora Marga do Val.
Biógrafo de Carlos Velo, Fernández lembra no texto de presentación desta xornada as orixes da relación entre Carlos Velo (1909-1988), un cineasta galego que tras realizar unha serie de traballos que o “converteron nun recoñecido documentalista remata exiliado en México para fuxir da represión franquista”, e o escritor, guionista e fotógrafo Juan Rulfo (1917-1986), “considerado un dos novelistas máis importantes do século XX”. Tomando como punto de partida un texto de Luis Seoane, lembra que Velo, “que por aquel entón traballaba de mecánico”, e Rulfo fixéronse amigos cando ambos “vivían pobremente” nun mesmo edificio en México. Foi alí onde o escritor presentou ao cineasta o manuscrito da que hoxe é unha novela “de culto”, ambientada nunha rexión á que deu o nome de Nova Galicia. Velo, explica, “propúxolle a compra dos dereitos da obra para poder filmala o día que puidese facer cine” e ambos percorreron diferentes lugares de México “seleccionando as numerosas localizacións” para o futuro filme, que, máis dunha década despois da publicación da novela, remataría converténdose en realidade e presentándose no Festival de Cannes en 1967.
Baixo o título de Carlos Velo e Juan Rulfo. Arredor de Pedro Páramo, a xornada abrirase ás 10:30 horas, na Aula de Cine da facultade, cun relatorio de Miguel Anxo Fernández sobre as “intrahistorias” desta película, seguida pola proxección do filme. Xa pola tarde, a xornada completarase con dous relatorios, a partir das 16:30 horas. O primeiro deles, Da novela á película: Pedro Páramo, correrá a cargo do escritor, xestor cultural e catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago, seguido por unha conferencia da profesora, escritora e crítica literaria Marga do Val, titulada Carlos Velo fronte a Pedro Páramo.
Será la líder de la candidatura de Nós Universidade en las elecciones de mayo, a las que también se presentará Belén Rubio por la H2040
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL