Dende a súa posta en marcha en 2020, a convocatoria de axudas á investigación da Cátedra Feminismo 4.0 permitiu o desenvolvemento de 34 proxectos vencellados ao espazo dixital con perspectiva de xénero e ao mundo das STEM. Agora, a esta listaxe súmanse outros sete novos traballos que recibirán financiamento ao abeiro da sétima edición desta iniciativa conxunta da Deputación de Pontevedra e da Universidade de Vigo. Esta liña de axudas destina un total de 24.000 euros para promover o desenvolvemento de proxectos relacionados coas liñas de traballo da propia cátedra, que neste caso se centran no estudo con perspectiva de xénero da intelixencia artificial, a contorna dixital, a arte, a actividade física ou a publicidade, entre outros enfoques.
Dos proxectos presentados, o que obtivo mellor puntuación, un 10, foi ImpactARTE, presentado por Ángela Fontán, investigadora do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, que propón un marco innovador de análise que une arte mariña, xénero e cultura dixital, xerando unha investigación interdisciplinaria pioneira en Galicia que, ao mesmo tempo, promove a alfabetización dixital feminista e ofrece novos referentes a alumnado e visitantes de museos, reducindo así as fendas de xénero na cultura mariña. A dimensión divulgativa do proxecto concrétase na creación de contidos audiovisuais e dixitais con perspectiva feminista que visibilizarán as mulleres como creadoras e protagonistas, contribuíndo a normalizar narrativas igualitarias no espazo dixital. A incorporación de entrevistas a artistas galegas e relatos de mulleres do mar de Pontevedra reforza este impacto ao conectar a investigación coas voces vivas do territorio, facendo visibles experiencias habitualmente silenciadas e dotándoas de valor patrimonial e cultural.
Tamén foi seleccionado nesta nova convocatoria o proxecto de Silvia Varela, do grupo WellMove (Wellness and Movement Research Group), que propón a validación dun cuestionario de barreiras á actividade física en mulleres con perspectiva dixital e de xénero. A investigadora agarda traballar en tres planos complementarios: no científico-técnico, cubrindo lagoas de medición das barreiras para a práctica de actividade física en mulleres cun instrumento actualizado, robusto e sensible ao xénero que permita comparar, monitorizar e avaliar intervencións; no socio-sanitario e de igualdade, identificando barreiras modificables e perfís de risco para orientar decisións e recursos cara a accións concretas (axustes de horarios e servizos, deseño de espazos máis seguros, protocolos antiacoso e mensaxes adaptadas ao ciclo vital); e no dixital e de comunicación, achegando evidencias para deseñar contidos e campañas en redes que reforcen motivación e autoeficiencia, evitando ideais corporais inalcanzables.
Outra das propostas mellor valoradas foi a presentada por Silvia García Mirón, do grupo SEPCOM (Investigación en Comunicación para o Servizo Público), que aposta por continuar cunha liña xa aberta en convocatorias anteriores para realizar un estudo sobre mulleres e publicidade en Pontevedra cunha visión transversal de referentes en 30 anos de publicitarias na provincia. A idea é poñer o foco, por unha banda, nas estudantes que teñen pasado pola Facultade de Comunicación de Pontevedra e, pola outra, continuar coa compilación dunha mostra de traballos das pioneiras e referentes da publicidade na provincia. A investigación, detalla a investigadora, “non se concibe como un exercicio illado, senón como un proceso colectivo que busca dar voz ás propias mulleres publicitarias, recoller os seus testemuños e transformalos en relato compartido, con potencial de transferencia tanto á comunidade académica como ao tecido profesional e á cidadanía”.
Tamén acada financiamento desta convocatoria a proposta da catedrática Inés Iglesias, directora do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero, que buscar analizar a fenda dixital de xénero e o potencial do Dereito como mecanismo corrector de desigualdades. O proxecto ten coma finalidade investigar e promover solucións xurídicas, formativas e tecnolóxicas que contribúan a reducir a fenda dixital das mulleres da provincia de Pontevedra, favorecendo así o seu acceso efectivo á xustiza gratuíta e ao exercicio pleno dos seus dereitos, así coma o reforzo dos seus dereitos e garantías coma contribuíntes nos diferentes procedementos tributarios, evitando calquera discriminación algorítmica.
Pola súa banda, Javier Abuín, tamén do grupo, presentou un liña de investigación sobre avatares virtuais con perspectiva feminista e as alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra. O seu proxecto propón unha dobre aproximación. Por unha banda, pretende documentar os riscos que a hipersexualización e os nesgos de xénero dos avatares xerados con IA poden supoñer para a sociedade e, por outra, pretende xerar coñecemento aplicado que permita formular modelos alternativos desde unha perspectiva feminista. Para iso, situarase o foco na provincia de Pontevedra, coa participación de expertos do Campus CREA da UVigo e do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0.
Na convocatoria deste ano tamén se seleccionou o proxecto de Sara Torres, do BiFeGa (Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación), que propón centrarse no uso da IA no ámbito universitario, analizando o xénero dos usos, motivacións, consideración éticas e percepción dos nesgos entre homes e mulleres respecto da IA. Esta análise permitirá facer recomendacións ou propostas para políticas de formación e uso responsable da IA e achegará contribucións empíricas a debates sobre xénero e tecnoloxía no contexto universitario galego.
Finalmente, a listaxe de proxectos financiados inclúe un estudo sobre a avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero. Esta liña de traballo, impulsada por Xabier Martínez Rolán, tamén do grupo SEPCOM, busca contribuír directamente á promoción da igualdade a través de catro liñas principais: a visibilización equilibrada de referentes, contribuı́ndo a reforzar a presenza de mulleres en espazos de relevancia pública e reducindo a sú a infrarrepresentación nos resultados das IAs; a posible identificación de nesgos de xénero na IA; ferramentas para a cidadanía que avancen na alfabetización dixital feminista, facilitando que calquera persoa poida detectar desigualdades na presentación da información; e, finalmente, a incidencia académica e social, xa que os resultados deste estudo poderán ser utilizados en docencia universitaria, en iniciativas de formación en igualdade e en polı́ticas públicas.
As edicións previas de Cátedra Feminismos permitiron impulsar outros 34 proxectos vinculadas ao espazo dixital e as STEM
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL