Compromiso. Bonhomía. Lealdade. Capacidade de escoita. Ilusión. Estas son só algunhas das calidades que, segundo os seus compañeiros e compañeiras de traballo, familiares e autoridades atesouraba Patricio Sánchez Bello, director durante 16 anos da, primeiro Escola, e na actualidade Facultade de Comercio da UVigo. Falecido o pasado mes de marzo aos 79 anos de idade, Sánchez Bello foi este mediodía o protagonista dunha homenaxe na que se lembraron os seus logros á fronte do centro, así como a súa faceta máis humana e na que tamén se descubriu unha placa coa súa imaxe e nome, que desde hoxe denominará o salón de actos da facultade.
Precisamente o salón de actos, no que se celebrou a homenaxe, quedou pequeno para acoller a todas as persoas que participaron no acto de lembranza a Sánchez Bello, que se incorporou á, daquela Escola, logo de licenciarse en Ciencias Químicas na USC e doutorarse pola UVigo. Docente das materias de Peritaxe Mercantil e Estatística e Investigación Operativa, secretario do centro entre 1995 e 2000 e posteriormente director entre 2000 e 2016, Sánchez Bello, foi ademais o primeiro coordinador de Deportes da UVigo, ademais de fundador do Club Mercurio e membro do Observatorio de Vigo y su Área Metropolitana e do Instituto de Estudos Vigueses.
A presidenta da Asociación Mercurio e o presidente do Instituto de Estudos Vigueses foron, precisamente, os primeiros en tomar a palabra, logo do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e antecendo ao catedrático Antonio Vaamonde; a ex decana, Consuelo Currás; o ex reitor, Luis Espada; ao profesor Patricio Sánchez Fernández e ao reitor, Manuel Reigosa. O coro sénior do campus de Vigo e o Grupo de Música Tradicional do campus de Pontevedra foron os encargados de pechar o acto, que rematou coa descuberta da placa en memoria do ex decano.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o primeiro en tomar a palabra para destacar a capacidade de diálogo, respecto e bonhomía de Sánchez Bello, asegurando que “os que se foron permanecen no recordo e el permanecerá para sempre”. Pola súa banda, a presidenta da Asociación Mercurio, Pilar López, e o director do Instituto de Estudios Vigueses, Juan Carlos Abad, sinalaron o activo papel e compromiso do ex decano con ambas as dúas entidades, coas que colaborou en todo o que lle foi posible e mentres puido.
Mentres, o catedrático emérito de Estatistica Antonio Vaamonde lembrou o paralelismo nas carreiras profesionais de Sánchez Bello e do seu pai, José Sánchez, que lles levou a ambos a impartir docente e dirixir a Escola. Vaamonde tamén lembrou a afección do ex decano na súa época de estudante na USC a correr os 110 metro vallas, “algo que incorporou a súa filosofía vital”, dixo Vaamonde; a súa capacidade para facer amigos, empeño e iusión.
Consuelo Curras, ex decana da Facultade destacou a lealdade e compromiso de Sánchez con todas as persoas, “pero en especial coa institución universitaria para a que traballou sen descanso e para as súas compañeiras e compañeiros e amigos aos que sempre respectou, escoitou, valorou e integrou na súa querida Escola. Traballar ao seu lado era sinxelo polo seu talante conciliador e a súa empatía”. Currás lembrou que comezou a traballar xunto Sánchez no curso 2000-2001 e a partir de aí transcorreron uns anos nos que o centro medrou e internacionalizouse, ata que chegou o curso 2007-2008, no que co proceso de adaptación a Boloña, Patricio Sánchez liderou un proceso, no que “o seu traballo incesante dentro e fóra da Universidade defendendo a súa Escola deron os seus froitos e finalmente logramos o noso obxectivo: converter a nosa titulación nun grado, o Grado en Comercio”. Currás que tomou a remuda de Sánchez no curso 2015-2016 lembrou o encargo que este lle deixara escrito nunha libreta de espiral co logotipo a Escola: “hai que acadar a transformación”, en referencia á transición de escola a facultade. “Séntete abrazado por toda a túa xente e grazas por tanto”, rematou dicindo no seu discurso a ex decana.
O primeiro reitor da UVigo, Luis Espada, destacou a constancia e ilusión de Sánchez por acadar o seus obxectivos, así como a capacidade de transmitir actitudes e comportamentos cívicos aos seus discípulos. “Coa túa traxectoria es parte integrante desta Universidade de Vigo, que tanto está en débeda contigo, pois fuches un docente que potenciaba valores, dándolle sentido a esa palabra chamada satisfacción do deber cumprido”, dixo Espada, que destacou a relevancia do papel de Sánchez no desenvolvemento da actividade deportiva nos inicios da UVigo. A sinatura de convenios, a creación de escolas deportivas e campionatos de campo a través ou facer do equipo de rugby un equipo federado foron algúns dos logros de Sánchez que lembrou Espada, que por riba de todo destacou as competicións de regatas entre os anos 1991 e 1993. “Lamentablemente non temos coñecemento de regatas das universidades no Atlántico. Por iso, na túa lembranza, solicitaremos que volvan esas últimas competicións e que leven o teu nome: Patricio Sánchez Bello”, dixo Espada, que rematou parafraseando a Neruda:”poderedes cortar unha e mil veces todas a flores, pero nunca poderedes deter o nacemento da primavera”.
Patricio Sánchez Fernández, en nome da familia, comezou a súa intervención dando grazas ás persoas que acompañaron durante a súa vida ao seu pai, do que destacou o seu compromiso, “tanto na esfera familiar, como na profesional”. Sánchez gabou o papel de “nexo” cos seus seres queridos e a súa paixón por ensinar desde o público. “Non coñezo a ninguén que defendese máis o valor da función pública e, pese que en ocasións o ventos non fosen moi favorables, ninguén o desviaba da súa convicción por servir aos demais para un ben común” dixo Patricio Sánchez, que puxo en valor a devoción do seu pai pola “Escola”, que “era a súa outra familia. Aquí non tiña compañeiros, tiña irmáns e irmás”, dixo. Patricio Sánchez rematou a súa intervención destacando o papel desenvolvido polo seu proxenitor no ámbito deportivo, poñendo en marcha hai 35 anos o Servizo de Deportes, así como a súa devoción polo equipo de rugby, que nunha cea lle fixo un regalo cunha frase gravada, que para Sánchez lembra inmellorablemente ao seu pai: “Os homes pasan, as súas obras quedan”.
O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de pechar o acto, aproveitando a súa intervención para sinalar a Facultade de Comercio como berce dalgúns dos ingredientes que fan especial á UVigo, como o sentimento de unidade e familiaridade e o desexo de servir á sociedade. O reitor, que aseguro que sería un “grave erro” non ter apostado no seu día pola continuidade do centro, afirmou que “a mellor homenaxe a Patricio é seguir servindo á sociedade, ao alumnado, ás empresas e a Galicia, con consenso, traballo e bonhomía como el o fixo”.
O centro acolleu un acto de homenaxe o seu director durante 16 anos - Familiares, colegas e autoridades lembraron a persoa e o profesional
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL