A Universidade e a Autoridade Portuaria de Vigo unirán as súas capacidades e recursos para promover a cultura oceánica entre toda a sociedade mediante a fusión da arte urbana e a ciencia. Así se recolle no convenio de colaboración asinado este mércores polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que senta as bases e articula a colaboración de ambas institucións para a realización conxunta da terceira edición do programa Scientists Meet Artists, unha iniciativa impulsada e liderada pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar, creada como un lugar de encontro e diálogo ciencia e arte.
Reigosa e Botana, acompañados polo director do Campus do Mar, Daniel Rey; o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e a directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga, presentaron aos medios de comunicación un dos primeiros froitos desta colaboración, o mural elaborado polo artista urbano Delio Rodríguez nun lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo. Alí explicaron que o convenio ten como finalidade artellar actividades que permitan transmitir coñecementos específicos centrados na observación do océano e organizar eventos para poñer en valor a importancia dos océanos no medio portuario, aproveitando as posibilidades que ofrece o visor submarino Nautilus.
O reitor agradeceu a implicación da APV e lembrou que Vigo “naceu do mar, naceu da ría pero, aínda que o mar segue sendo moi importante para a cidade, temos unhas capacidades tecnolóxicas e de investigación que son moi salientables”. Reigosa puxo en valor do traballo desenvolvido pola “nosa comunidade investigadora” integrada nun “centro de excelencia recoñecido pola Xunta como é o CIM” e apostou por unir estas potencialidades coas do resto de actores, como os centros do CSIC, na ETEA. Precisamente a este respecto e respondendo ás preguntas dos medios, Reigosa asegurou que “estamos esperando, aínda hai algúns atrancos, pero estamos dando pasos moi fortes e contamos coa complicidade de Zona Franca e do Concello e tamén da Xunta de Galicia, para que poidamos levar á ETEA o CIM e agardo que tamén a Facultade de Ciencias do Mar”.
Pola súa banda, Carlos Botana expresou a súa satisfacción polo acordo asinado este mércores xa que, como lembrou, é oceanógrafo de formación titulado pola Universidade de Vigo. O presidente da APV salientou a importancia de poñer en valor as ciencias do mar e as actividades de divulgación científica e explicou que as actividades que se organicen ao abeiro do convenio tamén axudarán a captar talento e novas vocacións científicas.
A colaboración entre UVigo e APV artellarase arredor do programa Scientists Meet Artists, cuxa primeira edición tivo lugar en 2021, e que pretende establecer unha colaboración entre investigadores do Campus do Mar e do Centro de Investigación da Mariña da Universidade de Vigo, e ilustradores que desenvolven o seu traballo en España e Portugal. As ilustracións creadas reflicten a visión compartida entre o persoal investigador e artístico, sen perder o rigor científico e co foco na difusión da cultura oceánica e na creación de recursos educativos para a cidadanía e, en particular, para as comunidades docentes de primaria e secundaria. Estas ilustracións agora cambian de soporte, facendo máis atractiva esta iniciativa para a cidadanía e aumentando o seu impacto e visibilidade, ao tempo que se mellora a interacción entre o porto e a cidade. O mural presentado hoxe foi elaborado ao longo das últimas semanas no lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo polo artista Delio Rodríguez, unha obra de arte urbana sobre a observación do océano que visualiza e difunde aspectos relacionados co mundo mariño.
Como se recolle no panel explicativo que acompaña á obra, “coñecer e comprender a influencia do océano en nós, e a nosa influencia no océano é crucial para vivir e actuar de forma sostible”. Así, o mural representa, como detallaba Daniel Rey, a variedade de técnicas, métodos e datos que o persoal investigador emprega para “recoller esta información sobre os nosos mares e océanos” e na pintura están representadas as catro esferas de observación fundamentais en oceanografía: a litosfera, a hidrosfera, co seu contido biolóxico, que é a biosfera, a atmosfera e a exosfera. É que como se explica no panel informativo “só entendendo a complexa interconexión destes elementos podemos avanzar significativamente no coñecemento e coidado dos océanos e o seu impacto no medio ambiente global”. Neste sentido, o director do CIM e do Campus do Mar lembrou que “moita desta información que se obtén permítenos observar o cambio climático e facer modelos preditivos para asesorar ás organizacións e gobernos e que estean ben informados para facer políticas tanto paliativas como de cambios na xestión de recursos”.
No acto desta mañá tamén estivo presente o creador do mural, Delio Rodríguez, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Debuxo–Creación, Produción e Difusión pola Universidade de Granada, que conta cunha ampla experiencia en intervención mural, polo que xa ten recibido varios premios. O artista relatou a experiencia de crear este mural de 43x12 metros cunha superficie de 516 metros cadrados, un proceso marcado tanto pola curiosidade da cidadanía como polas malas condicións meteorolóxicas durante as semanas de traballo.
A obra é froito da súa colaboración creativa co persoal investigador do Centro de Investigación Mariña, que achegou a este proxecto a súa ampla experiencia en oceanografía e observación oceánica, o que permitiu que Rodríguez reflectise no mural “unha imaxe bastante científica do que é o mar, non baleas e peixes nadando”. Situado nun lugar con moita visibilidade e tránsito, o artista agarda que sexa apreciado pola cidadanía, que o poidan desfrutar e se informen, tanto a través do panel informativo como do código QR no que se pode acceder a unha fotomontaxe do mural con puntos interactivos con información complementaria que axudan á súa interpretación. “Quen sabe, igual de aquí sae algún científico novo!”
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL