Os “jalpóns cinema” de Cans chegan á Bienal de Arquitectura de Venecia

A Bienal de Venecia de Arquitectura, considerada a máis importante do mundo, acollerá na vindeira edición un proxecto baseado no Festival de Cans e os seus jalpóns, que cada ano se transforman para se converter en espazos destinados ó cine.



"Cans: arquitectura de consenso”, foi desenvolvido polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, do prestixioso estudio arquitectónico de A Coruña CreuseCarrasco, e foi un dos 34 proxectos seleccionados entre os varios centenares que concorreron.

Estes dous arquitectos, seguidores fieis do Festival de Cans desde as primeiras edicións e bos coñecedores dos espazos da aldea, presentaron un proxecto tentando responder á pregunta que propón a Bienal de Venecia nesta edición: “How will we live together?” (Cómo vivir xuntos?). Os eixos centrais do traballo baséanse na idea de Cans como un festival que estimula a recuperación do patrimonio, explora novas formas de convivencia, e pon en valor o sentimento de colectividade como un xeito de afianzar unha base de identificación co certame.

No pavillón español da Bienal de Venecia, que terá lugar entre os meses de maio e novembro de 2021, explicarase o Festival de Cans desde o punto de vista da arquitectura e a transformación de espazos de uso cotiá en salas de cinema. Esta idea expoñerase a través de material gráfico, vídeos e paneis, así como un espazo destinado a un plano da aldea coas maquetas físicas deseñadas expresamente para esta exposición.



Na Bienal, entidade que organiza tamén o prestixioso festival de cinema de Venecia, participan os máis recoñecidos arquitectos do mundo. Nesta selección de proxectos que terá lugar no pavillón de España, participarán máis dun centenar de profesionais, entre os que están nomes coma o do arquitecto e activista en participación cidadá Santiago Cirujeda ou o poeta e arquitecto de profesión Joan Margarit, Premio Cervantes de Literatura.

O proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, veu xestándose nos últimos anos, liderado por Juan Creus e Covadonga Carrasco, e coas aportacións de arquitectas e arquitectos como Miriam Núñez, Mónica Rodríguez, Bárbara Mesquita, Alejandro Blanco, Iago Carro, o Colectivo Hábitat Social ou a arquitecta de Cans Noelia González, que colaboraron no mesmo.

Unha vez conclúa esta exposición no Pabellón Español da Bienal de Venecia, o Festival de Cans contactará con diferentes institucións para intentar que o proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, poida ter visibilidade en Galicia e expoñerse en diversas cidades, ademais de seguir desenvolvéndose a partir de accións no propio festival.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*