Os libros tamén son protagonistas no Festival de Cans

O Festival de Cans impulsa por segundo ano consecutivo un concurso de booktrailers e booktubers co obxectivo de estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Faino a través do concurso “Ollo de vidro”, que se enmarca dentro dunha iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro, da que o festival forma parte xunto aos Equipos de Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas, o I.E.S Castelao O Calvario e a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo; o I.E.S Pino Manso do Porriño. Ademais, a actividade conta tamén coa colaboración da Biblioteca Municipal do Porriño e o patrocinio da Asociación de veciños do Calvario de Vigo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.

Na pasada edición do festival, este concurso tivo moi boa acollida e recibiu preto de medio centenar de obras de toda Galicia creadas por profesionais, estudantado e aficionados e aficionadas á literatura. Esta notable participación á hora de crear pequenas pezas creativas que resuman en imaxes o contido dun libro estivo apoiada e avalada polos diversos cursos previos de realización de booktrailers que tiveron lugar nas semanas previas en varios dos centros que se suman á convocatoria, e que tamén se porán en marcha este ano. De entre todas as obras recibidas arredor de libros de escritores e escritoras como Marilar Aleixandre, Xabier P. Docampo ou Marga Tojo, obtiveron o Premio do Xurado: O principiño, de Laura Lorenzo, Ainoha Martínez, Monique Otero, Lourdes Manteiga e Carlos Lago (do IES Pino Manso); o Premio do Público Cando petan na porta pola noite, do Centro Ocupacional do CAD da Pobra do Caramiñal e o Premio Festival de Cans Unha mosca agradecida, de Luz Beloso.

Enmarcada nesta edición do festival, na tarde do mércores 22 de maio, terá lugar a final do concurso, na que se desvelarán nomes dos creadores e creadoras dos traballos audiovisuais máis valorados de entre os participantes nesta IV edición do proxecto e se repartirán 650 euros en premios en metálico e tamén entradas e estancias para asistir como público ao concurso de curtametraxes do festival.

O prazo de inscripción estará aberto ata o día 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse na web “recomendocheunlibro” (preme aquí).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*