Carlos de la Peña (Nós Baiona): "Hai que construir vivenda de protección para aluguer e vivenda"

Publicidad

Que motivos lle da ás veciñas e veciños de Baiona para apoien a súa candidatura este domingo 26 de maio?

En primeiro lugar porque é necesario dar un paso de cambio. Levamos 14 anos de goberno do PP e o que hai é un consenso social, por riba das ideoloxías e das diferenzas, de que este é un ciclo político acabado. Este é o momento do cambio. Somos un grupo de veciños e veciñas de distintas orixes políticas que confluímos nesta plataforma independente veciñal.

No caso de ser alcalde ou ocupar un posto no goberno, como imaxinas Baiona dentro de catro anos?

Vai depender dos resultados e da composición do goberno. Se non existe unha maioría, como parece previsible, haberá que acordar un goberno. En función diso saberemos cal será o futuro a catro anos vista. En todo caso, o primeiro que ten que mudar é a relación da administración local cos veciños. E refírome á parte política pero tamén á parte administrativa. Os traballadores municipais teñen que volver a animarse, hai que incentivalos, para que o cidadán sexa o centro da atención da maquinaria administrativa municipal. Ese é o gran cambio que os veciños deseñan. En segundo lugar, ten que haber una dinamización económica. Levamos anos de parálise cunha profunda crise no comercio e na hostaleira.

Cales son os retos a nivel cultural que ten Baiona?

As veces confundimos determinada atención nos colectivos locais coa cultura. A cultura é iso pero é moito máis. Baiona sempre foi unha plataforma para que distintos xeitos de entender a realidade, a historia e a cultura en xeral non só en Galicia senón tamén arredor do mundo Atlántico. Refírome loxicamente á Arribada da Pinta. Estamos polo tanto nun lugar que é engarce de moitas tradicións. A galega, a relación con Portugal, España, Europa, América e o mar. A cultura ten que reflexar isto. Debemos explorar con ambición estes novos horizontes.

Baiona é un dos concellos que vai contar con máis candidaturas, temes que exista unha fragmentación que desencadee un escenario de ingobernabilidade?

Non. Hai fragmentación en canto á oferta derivada do esgotamento do ciclo político, pero os cidadáns son sabios. Creo que haberá un agrupamento de voto en tres ou catro forzas políticas e entre elas nos tocará acordar o futuro. Se pode ser un goberno de dúas forzas que non sexa de tres.

Entendo que estariades dispostos a formar parte dun goberno de coalición. Con quen?

As persoas que constituímos Nós Baiona temos distintas orixes políticas. Eu do PSOE, onde militei 30 anos, outros compañeiros veñen de grupos da dereitas e outros da inquedanza social. Nós imos a falar con todo o mundo. O programa é flexible e entendemos que nas cosas básicas os programas poden ser complementarios. Estamos abertos a acordar un goberno que busque o mellor para os veciños e veciñas de Baiona.

Que sería para vós un bo resultado este 26 de maio?

Sería unha alta participación. Indicaría que somos conscientes de que nos xogamos moito. A partires de aí soamente podo aceptar o que nos deparen as urnas. Os cidadáns nunca se equivocan.

E un malo?

Exactamente igual.

Que medidas propoñedes para desestacionalizar o turismo en Baiona?

O turismo é unha lotería que lle tocou a Baiona e que continuará. Temos que coidalo. O Camiño de Santiago está axudando a esa desestacionalización. Pero temos que centrarnos no proxecto de vivir e traballar todo o ano en Baiona. O noso horizonte é a Baiona dos 365 días. Para ser máis concreto, temos que incidir na idea de Baiona como unha vila visitable. Imos facer un esforzo para reter aos visitantes na medida do posible para que coñezan a nosa vila, a nosa riqueza natural, artística e monumental. Hai que facer un esforzo de sinalización, de accesibilidade, a recuperación da estación rupestre de Outeiro dos Lameiros... Todo ese patrimonio que existe na vila e moitas veces pasa desapercibido. Potenciando eses recursos xa existentes seremos capaces de axudar a esa desestacionalización. Hai que crear ademais eventos na vila todas as fins de semana. Baiona ten que volver ser unha vila atractiva, divertida, atraente e suxerente.

No caso de entrar no goberno, que fariades nos vosos primeiros 100 días?

Hai que aprobar o orzamento municipal deste ano 2019, que está sen aprobar. Sen isto é moi difícil financiar as obras pendentes do Plan Concellos da Deputación. Hai que buscar consensos para sacalo adiante. O segundo é sentarnos cos representantes sindicais cos funcionarios e persoal laboral do Concello para estimular os servizos públicos. Volver explicar que o cidadán é o centro e estamos para servir aos veciños e veciñas. Haberá que cambiar métodos de traballo e obxectivos.

Que proxecto lle gustaría facer por Baiona?

Gustaríame desenvolver un plan a oito anos para construír 250 vivendas de protección para aluguer e venda. O PP nisto foi absolutamente belixerante nos últimos 15 anos. Paralizou iniciativas e non lle interesa para nada, de aí que non exista oferta en aluguer. Os nosos mozos, sobre todo aqueles máis formados, hoxe viven en Nigrán, Gondomar, Tomiño, Tui ou Vigo cando poderían vivir aquí se houbera oferta de vivenda a prezos asumibles. Seguimos co modelo antigo dos anos 70 de construír segundas residencias e isto é un grande problema. Tamén incentivar a rehabilitación de tantos e tantos edificios hoxe ruinosos no casco vello.

NÓS BAIONA

Fai clic aquí para ver a lista completa

NÓS BAIONA (NB)

1. LUIS CARLOS DE LA PEÑA ARIZAGA

2. OSCAR CARREÑO MINIÑO

3. MARTIN OTERO CLEMENTE

4. ANA RUIBAL VILLAVERDE

5. MONICA RODRIGUEZ HERNANDEZ

6. VICTOR VILAR MOREDA

7. RAUL SOUTO FERNANDEZ

8. JULIO EULOGIO VILLARINO ESPINO

9. MARIA LUISA REY FERREIRA

10. BEGOÑA DOMINGUEZ CAMESELLA

11. PABLO SOUTO MIGUEZ

12. LUZ EVELYN CRESPO GONZALEZ

13. SUSANA POUSA RODRIGUEZ

14. EMILIO DOMINGUEZ GONZALEZ

15. JESUS JOSE PENA GONZALEZ

16. MARIA MERCEDES ILDARA PABLOS FIGUEROA

17. DOMINGO SILVA PINZAS

Suplentes

1. ELENA MARGARITA GONZALEZ GUEVARA

2. ENRIQUE GARCIA FERNANDEZ

3. JUAN LUIS VILLAMBROSA VAQUERO

Salir de la versión móvil