En poucas palabras, por que os veciños e veciñas de Tui deben escoller a papeleta do BNG?
Tivemos oportunidade de gobernar durante algo máis de dous anos e posteriormente estivemos na oposición. Tanto cando tivemos responsabilidades de goberno como despois fomos sempre próximos aos veciños. Aínda que agora os plenos converteronse nun circo pola mala xestión do alcalde continuamos a facer unha labor seria e constructiva. Temos un proxecto e unha boa candidatura. Merecemos ter a opción de volver a intentalo.
Como imaxinas o Tui de dentro de catro anos?
Imaxino un Tui que fora capaz de recuperar todo o que temos, que está abandonado, e refírome ao inmenso patrimonio tanto do casco urbano como das parroquias. Un Tui que propicie o coidado ao medio ambiente. Un Tui exemplar no coidado dos nenos e das persoas maiores. Un Tui sen barreiras arquitectónicas. En definitiva, un Tui pensado para todos os veciños.
Cales son os retos culturais de Tui?
Hai que apoiar de forma decidida todas as actividades culturais como Play Doc, Música no Claustro, Arraianos, Ikfem, que moitos son importantes e son referentes culturais. Tamén hai que apoiar as actividades culturais das parroquias e os grupos de baile, música ou teatro. Amais, queremos apoiar outras actividades nos centros culturais como palestras sobre ensino ou saúde. E xa nun sentido amplo, colaboraremos no mantemento dos centros educativos ou do conservatorio de música e entendendo a aula da UNED como unha oportunidade. Temos a proposta de recuperar o edificio do Cam Fran, na Concordia, para convertelo en punto de encontro de asociacións culturais e xuventude.
Sinte que o seu proxecto quedou incompleto?
Absolutamente. Traballabamos ben, a pesar de que foi complicado porque eramos catro grupos e non tíñamos experiencia política. Os concelleiros do BNG ademais compatibilizabamos o traballo profesional co do Concello, non tíñamos dedicación. Con todo, fixemos moito máis do que se fixera nos catro anos anteriores con maioría absoluta do PP. Cando xa tiñamos moitos proxectos iniciados se nos cortou ese traballo.
O PEPCHA é a gran tarefa pendente. Estará nesta lexislatura?
Será unha das nosas prioridades. Xa o foi fai catro anos. Logramos informe favorable de Patrimonio, que era un paso moi importante. Dende outubro de 2017, a pesares de que quedaba un mero trámite, non sabemos nada de nada.
Cal é o plan do BNG para a traseira da Área Panorámica?
Unha zona axardinada. Hai que replantexar o tema do aparcamento. Valoramos estudar a compra das parcelas de Patazumba e facer alí aparcamento en superficie. Hai que facer un estudo de prazas que se poden lograr e cantas serían necesaria. Se é necesario construír un subterráneo valoramos facelo na rúa Compostela e Ourense. En todo caso estamos en contra da proposta do actual grupo de goberno que plantexou un aparcamento vinculado a 780 prazas en superficie con limitación horaria e de pago. Iso sería unha condena para o comercio e outro agravio máis para os veciños das parroquias.
Que sería un bo resultado para o Bloque?
Sería positivo ser quen de desbancar á dereita do Goberno. Estamos dispostos a pactar con calquera forza política que non sexa o PP e similares, refírome a Padín ou Ciudadanos.
E un malo?
Que a dereita, que é a culpable de que Tui estea como está e de que cada vez teña menos habitantes e peche máis comercios locais, seguira gobernando.
Estas eleccións estarán menos fragmentadas. Será beneficioso?
A participación política sempre é positivo. Agora ben, non ten moito sentido oito partidos políticos tendo en conta que a maioría eran da división da dereita e obedecían a intereses particulares.
O actual goberno recuperou a Festa do Meixón en formato de roteiro de restaurantes e impulsou o Pacto de Tui. Se depende de vostede, manterá estos eventos?
O Pacto de Tui foi un erro. Entendemos que hai que consolidar celebracións que funcionan ben como Arraianos. Non ten ningún sentido facer unha contraoferta como o Pacto de Tui.
Por que o BNG de Tui non logra resultados notorios como as maiorías nacionalistas de Tomiño, Ponteareas ou Bueu?
O BNG é respaldado polos veciños cando ten oportunidade de gobernar. En Tomiño foi así, por exemplo. Non tivemos esa oportunidade aquí, soamente dous anos.
Como se debe preparar Tui para o Xacobeo 2021?
O maior reclamo para os turistas é o que podemos ofrecer. Non podes ter unha oficina de turismo pechada na Semana Santa ou en San Telmo. O Camiño ten que estar limpo. O Casco Histórico non pode estar sucio e con pintadas nunha situación de abandono. Coidando todo iso é a maior promoción que se pode facer porque temos todos os reclamos posibles. Hai que poñer en valor o que temos.
Que pasos hai que dar en Paramos?
A catástrofe de Paramos está ben dirixida agora, tamén polas aportacións dos grupos da oposición. Un dos grupos propuxo facer o fondo de emerxencia ampliable. Propúxose o arranxo das vivendas de Caldelas, modificouse a ordenanza, etc. Tamén pedimos unha partida específica nos orzamentos e non se logrou. Dende o BNG creemos que sería bo un estudo completo das necesidades da parroquia para investir en Paramos a través do Plan Concellos.
Que proxecto lle gustaría liderar en Tui nos próximos catro anos?
Centrámonos moitísimo no coidado do patrimonio e no respecto ao medioambiente. É prioritario. No primeiro caso, débese promocionar e coidar o patrimonio tanto no casco histórico como nas parroquias, que está esquecido e abandonado. E hai algo que me encantaría que se fixera realidade como é a rehabilitación do Teatro Principal para convertelo nun foco dinamizador do conxunto histórico.
Que se xoga Tui o 26 de maio?
Seguir como estábamos ou ser un concello absolutamente transformado como está a acontecer cos que nos rodea.