En poucas palabras, por que as veciñas e veciños de Redondela deben apoiar a súa candidatura nas eleccións municipais?
É sinxelo. O repetimos dende hai oito anos. AER xorde da insatisfacción ante os partidos tradicionais. Nestes oito anos comprobamos que teñen un problema xerárquico e que dependen de Madrid ou Santiago. Non defenden os intereses locais de Redondela. Como exemplo a ampliación da AP9, dúas vías de tren, unha autoestrada, dúas nacionais... unicamente se enfrontan se a nivel estatal goberna o partido contrario. A transparencia é irrenunciable. Por que nós agora? Hai oito ano eramos uns inocentes e fomos acadando a confianza da veciñanza. Temos xa un grupo político máis que respectable con catro concelleiros. Creo que merecemos xa gobernar, que corra o aire.
Como imaxinas a Redondela de dentro de catro anos se AER chega á alcaldía?
O soño, que sexa realizable, é unha Redondela mellor, máis sostible e amigable. Unha Redondela que se poida desfrutar. Que o Concello sexa o concello da veciñanza, non dun partido. Acabar, se as hai, coas redes clientelares. Redondela manexa un orzamento importante e hai que facelo cos veciños. Ten que ser participativo. Somos progresistas e defendemos a igualdade, o comercio de proximidade e o medio ambiente.
Cales son os retos culturais que ten Redondela?
Non chegamos con fórmulas máxicas nin somos os máis listos do mundo. Imos con humildade. Temos Entroido de Verán -que ten dexenerado pero é recanalizable-, Festival de Títeres, Festival de Curtas, Arte Lixo... non ten que chegar o goberno e dicir que é o que hai que facer. A veciñanza ten moita iniciativa cultural. O único que hai que facer é dar facilidades e poñer a disposición da xente os recursos municipais. Temos un montón de actividades que se desenvolven na rúa.
Cal é a expectativa de AER neste 2019, gobernar?
Sen dúbida. Redondela foi un sitio algo distinto con respecto a Galicia. Dende a democracia sempre gobernou Xaime Rei, do PSOE. Eu son deses votantes que fun votando esquerda e funme decepcionando. Por iso xurdiu AER. Recibimos moitas críticas, pero AER cumpriu a súa palabra de non apoiar a ningún partido político na primeira lexislatura. Non foi sinxelo, pero a coherencia ten un custe. Nas seguintes, dixemos que non íamos entrar nun goberno. O PSOE falou con nós para unha moción de censura e se dixo que si, pero que nós non entrábamos no goberno. O PSOE non quixo ir en solitario, o que é respectable. Agora, non queremos falar de pactos porque é moi incerto o resultado. Nas xerais o PSOE gañou con distancia. Nós agora somos a terceira forza e despois do 26M non sei onde estaremos. Pero estaremos preparados para gobernar e para dialogar. Oito anos de PP foi dabondo. Se o PP volve ser a lista máis votada, veremos a distancia que saque.
Estariades dispostos a entrar nun goberno?
Non imos a cerrar ningunha porta. Non é o resultado que máis nos apetece pero dependería de como se configurara o goberno. Todas as portas están abertas, menos entrar no goberno co PP. Queremos que haxa un cambio. O PP tivo oportunidade durante oito anos de facer política diferente. Volveu caer nos errores de toda a vida de amiguismo. Esperamos que a xente vote por progreso e poidamos facer un goberno alternativo.
Que cambiaríades nos vosos primeiros 100 días?
Nada espectacular, pero si vamos a dar unha volta a todo. Á transparencia e participación cidadá. Que funcionen os consellos parroquiais. Aseguramos que imos permitir que a política chegue a todo o mundo, que é xestionar o de todos.
Que se pode facer para acabar co macrobotellón do Entroido de Verán?
Compartimos que non imos a seguir permitindo que dexenere. Teño fillos en idades de ir a ese tipo de festas e ao final é un botellón. Para iso que non veñan a Redondela. A idea foi unha xenialidade e queremos recuperar o espírito inicial. Ten que ser para as familias, para pasalo ben, para que veña a xente de fóra, pero non para macroconcertos. O éxito non se debe medir polo numero de participantes.
Pero entre que se celebre co macrobotellón e o feito de que non se celebre hai moitas posibilidades...
Queremos desincentivar a xente que vén a beber. Somos críticos co modelo e cambiaríase para que a festa sexa moito máis participativa e entrañable.
Como solucionar o conflicto co transporte metropolitano e nomeadamente con Vitrasa en Chapela?
A postura de AER, e creo que da xente con sentido común, é que funcione a Área Metropolitana.
Precisamente ese é a seguinte pregunta...
Temos que rematar con políticos confrontistas. O triste é que a Abel Caballero lle funciona. Que non digo que non teña os seus méritos. Se a xente de Vigo o vota é por algo. Pero é tamén alimentar esa rivalidade. É cansino e moi pouco progresista. Tanto son veciños os de Redondela, os de Vigo e os de Mos. Podes dicir que isto é solo para os de Vigo, pero iso non é ser progresista. Non está moi lonxe de Trump e o seu “America First”.
Activaríades entón a Área Metropolitana?
Si, claro. Absolutamente. A administración é decimonónica. Temos uns concellos moi raros. Pero está así. Se quedamos con iso ninguén fai nada. O traxe que temos non resolve os problemas. Porque alguén decidiu que Chapela pertence a Redondela, agora non poden ter transporte metropolitano e un que está a 100 metros en Teis si o ten? A solución é a creación dun ente supramunicipal. Será máis barata a recollida de lixo, o abastecemento de auga ou o transporte.
A Autoridade Portuaria plantexou a posibilidade de converter o Cargadoiro de Duchess en Rande nun depósito de contedores, que opinión lle merece?
A nosa proposta, non vou dicir que nos roubaron a idea a modo faraónico, pero pensamos que é un espazo excepcional para unha área de lecer. Que sexa un aparcamento de contenedores soamente se lle pode ocorrer a alguén sen sensibilidade para os veciños desa zona. Está máis que rexeitado, claro.
Será posible rematar coa peaxe da AP9?
É un disparate que os que veñen de Cangas ou Porriño veñan gratis e eu pago dende Redondela. Faremos todo o posible, aínda que se xoga en outras ligas. A nosa vantaxe é que non debemos favores a ninguén e podemos reclamar coas mans libres, aínda que é un David loitando contra varios Goliats. Non somos moi optimistas.
A senda verde de Redondela debe conectar coa de Vigo, non cre?
Hai que ter unha mira de altura e facer proxectos máis colaborativos. Non vai haber ninguén que estea en contra dun proxecto que recupera unha vía para o desfrute dos veciños. O ten todo a favor. Hai que mellorar todo o relacionado coa mobilidade peonil. Se gobernamos será un dos obxectivos.
Que gran cambio propoñedes se chegades ao goberno municipal?
Sería un gran cambio de talante. De que o Concello funcione. Non pode haber muros administrativos. Iso que parece que non é nada, paréceme moitísimo. Esa é a nosa revolución.