En poucas palabras, por que as veciñas e veciños de Redondela deben apoiar a súa candidatura nas eleccións municipais?
Porque temos que mudar á Redondela que neste momento está por unha de traballo, confianza e proximidade. Unha Redondela aberta, de equidade e igualdade. Para min é o máis importante.
Como imaxinas á Redondela de dentro de catro anos se logras ser alcaldesa?
Imaxino unha Redondela totalmente distinta. Que sexa próxima e igualitaria. Dentro de catro anos será unha administración próxima e se un veciño ou veciña ten un problema o Concello o vai solucionar. Iso será así. A Redondela que os veciños e veciñas queren.
Cales son os retos culturais que ten Redondela?
Redondela é o cuarto municipio da provincia e tiña un peso cultural moi recoñecido. Hoxe non podemos dicir iso. As asociacións e colectivos están cansos de ver que o goberno do PP non apoia a cultura. Non se pode gobernar de costas a eles. A cultura é de todos e de todas. Hai que escoitar e promocionar a cultura que Redondela merece.
Cales son as vosas expectativas?
Boas, no sentido de que me mostro como son. Unha persoa honesta e traballadora. Esa é a miña mochila. Sei que a xente sabe o que quere para Redondela. Estou moi segura que se a xente o quere vou ser a primeira alcaldesa de Redondela.
Con quen pactaríades?
O PSdeG sempre estivo aberto a unha coalición de esquerdas. Sempre. Por suposto, como candidata elixida pola militancia, vou estar aberta a unha coalición de esquerdas. Temos que falar e facer que Redondela teña o goberno de esquerdas que merece. O 28 de abril Redondela historicamente saíu á rúa dicindo que quería un goberno de esquerdas, non só en España senón que entendemos que tamén a nivel municipal. Foi histórico.
Cres que a victoria dos socialistas nas eleccións xerais en Redondela pode crear un efecto chamada nas municipais?
Son moi prudente. Os resultados do 28 de abril foron históricos. Redondela é de esquerdas. A xente saíu a rúa porque estaba farta dos gobernos de dereita. A nivel municipal sempre é distinto, a xente vota á persoa. Se a xente quere, e creo que vai ser así, Digna Rivas será a primeira alcaldesa de Redondela.
Se a esquerda sumaba, por que non se levou a cabo a moción de censura?
Quen tivo a chave foi AER. Sei de boa man que o meu compañeiro que lideraba o PSdeG, Eduardo Reguera, falou moitísimas veces para chegar a un acordo de goberno da esquerda. O pasado, pasado está. Vexo para o futuro e queremos un goberno de esquerdas liderado polo PSdeG.
Que sería entón un bo resultado?
O que a xente diga. Loxicamente, que poidamos gobernar e levar adiante este proxecto. Non é noso, é de todos e de todas. Dende o minuto un reuninme con todos os veciños e colectivos. Se o podemos levar adiante eu sería feliz.
E un mal resultado?
Penso que hai que ser moi responsable e se hai un mal resultado debo tomar medidas. Sería que a xente non quere o proxecto que respectamos e tería que dar un paso atrás, pero estou confiada en que a xente vai querer ese cambio.
Hai que fomentar o turismo en Redondela?
É importantísimo en Redondela. O Camiño de Santiago, tanto Portugués como pola Costa, trae moitísimos peregrinos. Hai que potencialo e facer que os peregrinos saiban que ofrece Redondela e as súas parroquias, que son tan importantes como o centro. Non hai unha oficina de turismo céntrica e que teña persoal os doce meses do ano. Senón comezamos por aí mal imos. Non podemos ser referentes en turismo sen unha oficina de turismo visible e con persoal. Temos moito patrimonio cultural e histórico e non se está dando a coñecer.
A Autoridade Portuaria plantexou a posibilidade de converter o Cargadoiro de Duchess en Rande nun depósito de contedores, que opinión lle merece?
Levamos o proxecto que os propios veciños queren. Para poder facelo, hai que desafectar a zona de Rande. Non se pode facer nada se non se fai iso. Actualmente non temos constancia de que sexa así. Hai moito proxecto do PP e moita promesa electoral, pero non temos por escrito nada que certifique que iso vai a ser así. Nós apostamos polo que os veciños e veciñas de Rande queren e polo que a Plataforma leva anos loitando.
Como solucionar o conflicto co transporte metropolitano e nomeadamente con Vitrasa en Chapela?
Sempre tivo unha solución moi sinxela. As administracións teñen que ir da man. Puido ser coa Área Metropolitana, que daría moitas solucións. O PP, co alcalde de Redondela, foi un dos que non quixo chegar a un acordo coa Área. Esa sería unha solución. Ademais, hai moitos problemas en Redondela que non se solucionan porque o alcalde non quere. Por riba de todo hai que ver os intereses da veciñanza. Nós defenderemos aos nosos veciños.
Está polo tanto a favor de reactivar a Área Metropolitana...
É moi necesaria, a precisamos canto antes. Podería estar xa en funcionamento. Non soamente no transporte, senón en moitos outros servizos. Hai que ter vontade e non pensar soamente no que ao PP lle mandan dende Santiago. Eu sempre defenderei aos veciños e veciñas de Redondela, da igual quen goberne nunha institución ou outra.
Será posible rematar coa peaxe da AP9?
Non é competencia municipal pero é un compromiso do Partido Socialista. Nestes oito anos o PP non fixo nada por intentar que a peaxe desaparecera. Non se viu en ningures. Hai que estar sempre, sempre, ás boas e ás malas. Ten que ser gratuíta e imos loitar. Non son de prometer porque me parece unha falta de respecto, pero comprométome a que se son alcaldesa vou ir a Madrid a reunirme co ministro de Fomento. É do primeiro que vou facer.
Que medidas tomaría nos seus primeiros 100 días de goberno?
Hai que ir paulatinamente. Teño un exemplo no cambio que fixemos na Deputación de Pontevedra. Non o fixemos en cinco días, pero en catro anos o cambio foi total e absoluto. Equidade, igualdade e proximidade. Dende o primeiro día será así. Queremos abrir as portas do Concello.
Que se xoga Redondela o 26 de maio?
Volver a recuperar o peso que tiña Redondela como cuarto concello da provincia que perdeu a todos os niveis. Non só a nivel cultural e turístico senón tamén social. Os servizos sociais e a igualdade son primordiais. Os problemas dos veciños e veciñas teñen que ser o primeiro.
Non hai igualdade?
A igualdade real non. Non pode ser un área estanca facendo un minuto de silencio ao mes. A igualdade real é facela transversal en todas as áreas e traballar cos colexios, asociacións e colectivos. Somos unha institución pública e temos que dar exemplo. A violencia de xénero hai que combatela os 365 días do ano.
Que se pode facer para acabar co macrobotellón do Entroido de Verán?
Levamos anos dicindo que o Entroido de Verán converteuse nun botellón. Este ano o PP dixo que coa campaña Redondela 0,0 cambiou. Non, as cousas non cambian dun día para outro. Hai que traballar con asociacións e colectivos. Non se pode cambiar o Entroido de Verán un mes antes. Hai que facer moito cambio.
Que proxecto lle ilusionaría para Redondela?
As infraestruturas son moi importantes e necesarias, pero hai un programa que é moi importante para min. Trátase de facer Redondela accesible para todas e todos. Aí estaría toda a veciñanza representada. Unha Redondela accesible en todos os sentidos: físico, psíquico, sensorial... Hai moitas barreiras, non só arquitectónicas, senón tamén doutro xeito.