En poucas palabras, que motivos lle das aos vigueses e viguesas para que elixan a túa papeleta o día das eleccións?
Porque cremos que Vigo é máis. Máis que propaganda e que os anuncios sen contido. Hai que parar que perdamos poboación ano a ano, emprego, empresas, que sexamos a segunda cidade de Galicia con máis desemprego. Queremos que os vigueses paguen menos impostos, que son os máis altos de Galicia, que haxa empresas que non se vaia fóra, que os mozos teñan oportunidades e programas de emprego e ocio, queremos unha verdadeira política cultural...
Como imaxinas o Vigo de dentro de catro anos se o PP chega ao goberno?
Imaxino unha cidade onde haxa máis democracia e mais pluralidade, que todo mundo teña voz e non haxa bos e malos. Un Vigo igual para todos. Unha cidade que achegue a brecha que hai entre o rural e o urbano, que é moi grande. Un Vigo no que as familias paguen menos impostos. No que haxa máis emprego e máis oportunidades para os mozos e as persoas que máis o precisan. Que teñamos unha verdadeira política social con moitas menos persoas en risco de exclusión social.
Cales son os retos culturais da cidade?
En primeiro lugar hai que poñer en valor os museos. Propoñemos unha ruta para poñelos en valor. Tamén queremos que Vigo teña dous museos máis: o da Emigración, en colaboración coa Xunta, e o da Industria. Vigo ten un pasado industrial extraordinario que nos fixo a primeira cidade de Galicia e hai que poñelo en valor. Temos que apostar por máis actividades culturais. O Auditorio de Castrelos está totalmente desaproveitado e limitado a uns concertos no verán. Queremos teatro e música de todo o tipo no auditorio. Tamén propoñemos unha tarxeta cultural para todos os eventos da cidade para os xóvenes. Poñer en valor a figura de Julio Verne é outra das nosas propostas. Por último, débese integrar moito máis a cultura marítima cos colexios.
Pero continuarían os concertos de verán en Castrelos?
Historicamente os concertos de Castrelos teñen sido moi importantes. Por suposto que seguiremos nesa liña. O auditorio ten que ser utilizado para outras expresións culturais pero mantendo os concertos, e facer grandes concertos que se perderon na cidade como os de Madona, en Balaídos. Neste momento as estrelas internacionais en Vigo non pensan. Dáme moito pena que se vaian a Coruña e teñamos que desprazarnos para ver a unha estrela internacional.
Que eventos regresarían á cidade se Elena Muñoz é alcaldesa?
O Festival Áereo era marabilloso. A Volvo Ocean Race. A Cutty Sark. Temos que ser capaces de atraer grandes eventos para atraer turismo. Vigo é unha cidade cun atractivo indubidable e eses eventos son fundamentais. Temos tamén que potenciar os eventos de deportes náuticos. Non os explotamos suficientemente. Outras cidades que non teñen esta marabillosa ría os están aproveitando moito máis que nós.
Que se debe facer co Auditorio Mar de Vigo agora que é municipal?
A programación cultural debe estar dirixida polo Concello. Temos que utilizar moito máis o Auditorio Mar de Vigo. Hai convencións noutros sitios porque o auditorio non da os servizos suficientes. Tamén pasa por arranxar toda a contorna, que era unha das liñas de actuación que se ía facer cando se inaugurou. Parte do fracaso, o di o informe da administración concursal, vén da man de que non se desenvolvera a contorna do Mar de Vigo, que está nun estado lamentable. Tamén é moi importante instalar a concha acústica, que aínda non está.
O PP de Vigo propuxo en varias ocasións abrir o aparcamento do Auditorio Mar de Vigo. Como se faría?
Temos un grave problema de aparcamento. Temos que facilitalo. Propoñemos a creación de 4.000 novas prazas. Unha das zonas cun grave problema é Torrecedeira. Agora que municipalizamos o que xa era municipal, polo menos deixar que os vigueses se beneficien dun aparcamento que está practicamente baleiro todo o ano. Por que non permitir o acceso aos veciños de Torrecedeira e facilitar bonos para os comercios?.
Tamén loitarías porque o aparcamento do Hospital Álvaro Cunqueiro fora de balde?
Aparcamentos concesionados hai ao carón de practicamente todos os hospitais de Galicia. Tamén nos que hai no centro de Vigo, como Povisa. O que hai é que facilitar máis prazas de aparcamento municipais fóra do Hospital Álvaro Cunqueiro. A única alternativa, cando debería haber outras construídas polo concello, foi a do hospital. Os prezos eran moi altos porque era a media dos aparcamentos de Vigo e na cidade pagamos uns prezos de aparcamentos concesionados municipais altísimos. Caballero prometeu un aparcamento municipal gratuíto con 1.500 prazas e catro anos despois temos un con 350 prazas. Hai que construír máis zonas de aparcamento municipal e o Concello é titular de terreos par poder facelo. Nós faremos máis prazas de aparcamento municipal e de balde para os usuarios do Álvaro Cunqueiro.
É difícil enfrontarse a gran popularidade de Abel Caballero?
O que é difícil é facer oposición cando hai unha persoa que quere amosar que ten unha cara e é completamente distinta á realidade. É unha persoa cun modo de actuar dende a soberbia e absolutamente ditatorial que non soporta que lle leven a contraria. Está impedindo a labor da oposición. Impón a asociacións e colectivos que non poden invitar a ninguén da oposición. O resto é unha pose e un populismo. A min non me importa que trate así a oposición política, o que me importa é que o faga cos colectivos veciñais. Non temos un alcalde, temos unha personaxe.
Tes denunciado faltas de respecto, cal foi a que máis te doeu?
Eu me considero que son representante dos que me votaron do PP, pero tamén de todos os vigueses. Moléstame moito que non foi quen de chegar a ningún acordo coa oposición. Tendemos a man para traballar conxuntamente e non foi posible. As faltas de respecto e os tintes machista, dicir que son a mandada de alguén e que digo o que me mandan, oféndeme profundamente.
Prometiches unha low cost en Peinador. Contará co apoio da Xunta?
Queremos unha política que garanta o mantemento de Peinador ao longo prazo. Non queremos parches. Perdemos moitas rutas que eran ficticias. Hai que atender á demanda real do aeroporto de Vigo. Os vigueses queren ir a Madrid e Barcelona. Pois débese conseguir máis voos e máis baratos, porque son moi caros. Propoñemos subvencións para financiar voos que realmente sexan demandados. No ámbito internacional é Londres. Hai que sentarse ademais con todo o sector. Unha persoa non pode decidir cales son as rutas. Por último, hai que volver ao comité de rutas autonómico, é fundamental a coordinación entre os aeroportos galegos porque cando competimos gaña o aeroporto do Porto.
O PP de Vigo presenta unha lista renovada, pero hai voces moi críticas por incorporar ao que foi xerente dos hospitais privados como número dous da candidatura...
Levamos unha lista aberta. Amosa unha integración de membros da sociedade civil con militantes activos do PP de Vigo. Non nos pechamos en nós mesmos. Non é fácil exercer a oposición en Vigo e son persoas que quixeron dar ese paso adiante para traballar por un proxecto. Entre os membros, hai unha persoa xubilada que tivo o cargo de xestión dun hospital. Ten coñecementos de xestión privada. É un coñecemento das necesidades da cidadanía moi positivo e aporta a súa experiencia. Quen queira ver outra cousa máis que unha persoa que traballa pola cidade se equivoca. Na lista tamén hai un médico da sanidade pública. O que pensa o PP nese sentido está bastante claro.
Que solución aportará o PP para controlar os prezos do aluguer en Vigo?
É unha realidade que temos os alugueres máis altos de Galicia e é porque non temos PXOM dende hai tres anos e medio. Este goberno con maioría absoluta non foi quen de presentar nin o primeiro papel para ter un novo Plan Xeral. É unha prioridade e a principal ameza do futuro. Namentres non se aprobe o novo PXOM -que nos comprometemos a telo nunha lexislatura- hai que fomentar programas para facer máis asumible unha vivenda. Temos o programa Vigo Alquila e Vigo Reforma. Tamén hai que aprobar o plan parcial de Navia que desbloquearía a construción de novas vivendas por parte da Xunta. Ao candidato socialista non lle interesa un novo PXOM porque significa desgaste. Mentres el sexa alcalde non haberá Plan Xeral.
Vigo vertical si ou non?
Vigo Vertical si mellora a mobilidade en Vigo sen dúbida. A calquera prezo non. Destruíndo o que temos non. Destruíndo o bulevar da Gran Vía para facer unhas ramplas e que destrúan un dos símbolos de Vigo non. Esas ramplas se poden facer como en Santander, perfectamente compatibles co entorno, respectando o bulevar.
Luces de Nadal ao estilo Abel Caballero si ou non?
Luces de Nadal si, ao estilo Abel Caballero non. A todos nos gustan e son bonitas, pero teñen que ser para todos, non só para unha parte da cidade. Hai moitos vigueses que non están no centro de Vigo e hai que repartir mellor as luces. E non hai que pensar que son a única medida para fomentar o comercio. Temos que gastar o diñeiro dos vigueses en facer políticas que potencien o comercio os 12 meses do ano, non mes e medio.
Actúa a Xunta contra Vigo?
Todo populista busca un inimigo exterior ao que culpar dos seus males. A estratexia do populista Caballero é culpar ao inimigo exterior que é a Xunta de Galicia de todo o que el non é quen de facer. Nesa política os que perdemos somos os vigueses. Un alcalde non se pode negar a firmar convenios que son bos para a cidade porque veñan da Xunta de Galicia. Non temos o convenio de vivendas baleiras para facilitar vivenda a persoas desahuciadas porque o alcalde de Vigo non o quere firmar, por exemplo. Para o alcalde de Vigo canto peor mellor para el.
Que sería un bo resultado?
Somos o PP. Somos un partido que fixo moitísimo pola cidade e saímos a gañar.
E un mal resultado?
Evidentemente sería non lograr o obxectivo que é gañar as eleccións.
Preocúpache que o Celta abandone Vigo?
Preocúpame moitísimo. Quero que o Celta xogue en Vigo e non teña que marchar como tivo que facer coa Cidade Deportiva porque estivo anos e anos esperando por uns terreos en Vigo. Esa é unha realidade. Hai que facer outra política co Celta. Hai que tomarse en serio a reforma do estadio, tiña que estar xa concluída e acabaron soamente unha grada e a outra fáltanlle aínda os asentos novos. Unha obra que ademais se fai sen falar con ninguén. Temos un alcalde que pensa que el ten que decidir todo e non acepta a crítica.
É suficiente o que paga o Celta por usar Balaídos?
Propuxemos unha concesión administrativa. É a mellor garantía de que se asegurara que o Celta sigue xogando e que o investimento retorne aos vigueses. Pero, onde está esa proposta de concesión que ía ser inminente? Non hai nada, tememos que queren empuxar ao Celta fóra da cidade.
Como mellorar Vitrasa, o servizo peor valorado de Vigo?
A realidade é que temos un servizo de transporte público moi malo. Os que viven nas parroquias rurais tardan tanto en chegar ao centro como en chegar a Santiago de Compostela. Non se debe permitir. Na nova concesión deben cumprirse uns requisitos fundamentais: que sexa máis áxil e que conecte mellor as parroquias rurais con transporte a demanda, hai que implicar ao taxi para combinar co autobús, e hai que facer un gran plan de mellora da mobilidade. Por último hai que abaratalo, é o máis caro de toda Galicia. Propoñemos unha tarifa plana de 20 euros ao mes con viaxes ilimitados.
Haberá Área Metropolitana?
Se cambia o goberno de Vigo, senón non. Hai unha persoa que prefire buscar unha discusión permanente que arranxar os problemas. O transporte metropolitano é fundamental e a área tamén. Traballaremos por iso. Se non pensamos que os concellos son aliados e non competidores non somos conscientes do que nos xogamos no futuro.
Para rematar, gustaríame que se quedara cun gran proxecto para a cidade...
Quédome con tres. Gustaríame unha gran cidade do deporte, un proxecto moi ambicioso, cunha piscina olímpica da que carecemos. Tamén me gustaría que os vigueses puideran pagar menos impostos. E mellorar os servizos públicos: o transporte e o servizo de auga.