En poucas palabras, por que os veciños e veciñas de Tui deben escoller a papeleta do PSOE?
O motivo principal é que no 2015 houbo un cambio político que pasou pola conformación dun goberno cuatripartito que foi estable, cohesionado -especialmente en comparación do que viu despois- e sentou as bases da transformación do concello. Foi o goberno que logrou a expropiación da rúa Ourense tras 20 anos, logrou por primeira vez tamén a aprobación do PEPCHA, logrou materializar a peonalización do casco histórico e foi quen de transformar os investimentos e mellorar equipamentos no ámbito rural. En definitiva, un goberno eficaz e responsable. Ese foi o feito de que se producira a moción. A oposición tiña temor a non poder volver ao goberno e para evitar que nos consolidaramos fixeron a moción.
Como imaxinas o Tui de dentro de catro anos?
Vai ser aquel que nos xa empezamos a cambiar. O Tui onde se remata o desenvolvemento do PXOM coa apertura dos viais. Un Tui onde o casco urbano vai estar humanizado porque fixemos os proxectos. Un Tui con edificios de titularidade pública restaurados. Un concello onde as sendas tan demandadas -a do Miño e a do Tripes- se van a ver materializadas. Imos a culminar o PEPCHA e os expedientes de ruína que dea posibilidade a rehabilitación de casas en situación de abandono. Un Tui cara a modernidade e un Tui referente como foi sempre e volverá ser.
Cales son os retos culturais de Tui?
Fixemos unha aposta importantísima pola cultura. Apoiamos economicamente os eventos culturais -tanto do casco urbano como do rural-, fixemos unha aposta polas infraestruturas culturais coma, por exemplo, no propio Conservatorio onde renovamos tamén unha parte dos instrumentos e puxemos en marcha a Orquestra Sinfónica de Tui. Apostamos por un evento como Arraianos que respaldamos economicamente. Nesa liña seguiremos e conveniaremos os principais eventos para darlle seguridade económica e xurídica.
Sinte que o seu proxecto quedou incompleto?
Non é que quedara incompleto é que quedou totalmente paralizado. O goberno que saíu da moción soamente tiña que aprobar un orzamento -que aprobou tras moitísimas vicisitudes e en 2019 non houbo nin proxecto-. Debía rematar as obras que non puidemos culminar e o único que fixo foi materializar a rúa Ourense. Das obras menores soamente rematou a reforma do Palco da Música que quedou licitada por nós. Quedaron paralizados proxectos como a rotonda de Guillarei, o muro dos xardíns de Troncoso ou a expropiación no Louro. Dos proxectos de 2017 á cargo da Deputación están aínda a metade sen executar, do 2018 non se executou ningún. O que viu despois foi unha parálise total. Soamente fixeron auditorías e estudos.
O seu foi o primeiro goberno progresista da cidade...
Eramos catro formacións progresistas -PSdeG, BNG, Son de Tui- e unha conservadora -Alternativa tudense- e foi un goberno leal e estable até o último momento. Dicían que facían a moción pola inestabilidade. Tras a moción, o concelleiro de obras marchou do goberno, chega outro que non é aceptado e o goberno queda en minoría... unha situación de inestabilidade que reflexa que o noso goberno, con todas as dificultades, foi realmente exemplar.
Con quen pactaría se non logra a maioría absoluta?
Hai dous bloques. Está o bloque da moción co PP, Converxencia 21 e en certa medida está Ciudadanos cun concelleiro que se foi para facilitar a moción de censura. E está o pacto natural, o que reeditaría o goberno que foi derrocado con PSdeG, BNG e En Marea. Ese é o pacto polo que apostamos se non temos maioría suficiente para gobernar.
Estas eleccións estarán menos fragmentadas. Será beneficioso?
Sempre fun defensor da pluralidade política, porque a sociedade é cada vez menos homoxénea. Non é un obstáculo para gobernar. Nós eramos un goberno cuatripartito e sacamos adiante proxectos e consensuamos outros.
Cal sería un bo resultado para a súa candidatura?
Sempre é gañar as eleccións. Temos tres concelleiros. En 2011 sacamos dous. Para nos o positivo será estar de cinco cara arriba. De cinco cara abaixo non sería un bo resultado e obrigaría a repensar o futuro e o liderado do partido.
O PEPCHA é a gran tarefa pendente. Estará nesta lexislatura?
A enorme dificultade que había era o informe de Patrimonio, que era vinculante. Cando chegamos, o informe que había era demoledor e despois de moito traballo de Carmen Núñez, do BNG, Patrimonio deu o visto bo e quedou aprobado de forma definitiva. A continuación vai a Fomento por mero trámite. Non entendemos como en ano e medio non se foi quen de aprobalo definitivamente. O departamento de urbanismo estivo paralizado e abandonado.
Cal é o plan do PSOE para a traseira da Área Panorámica?
Cando chegamos ao goberno ofertamos a construción dun aparcamento a empresas de todo o pais e soamente unha se ofreceu. Faría o aparcamento subterráneo dunha planta durante 40 anos e, durante o mesmo tempo, quería tamén a zona azul de todo o casco urbano de pago. Era un disparate. Ese aparcamento pode construírse con cargo ao Remanente e non privatizar o casco urbano. A nosa proposta e facelo con diñeiro público e despois estudar o modelo de concesión. Cando estabamos no goberno tamén logramos a cesión de uso da finca de Patazumba para convertelos en aparcamento disuasorio. Hoxe está abandonada.
O actual goberno recuperou a Festa do Meixón en formato de roteiro de restaurantes e impulsou o Pacto de Tui. Se depende de vostede, manterá estos eventos?
Non imos a facer o que el fixo cando chegou ao poder botando todo a baixo coa única escusa de que era unha iniciativa nosa. Parécenos ben a Festa do Meixón. É un produto moi caro e é difícil facela viable a nivel popular. Imos a seguir respectando o Pacto de Tui. Creo que podería estar dentro de Arraianos, pero son dúas propostas que respectaremos, faltaría máis.
Que pasos hai que dar en Paramos?
A actuación das institucións públicas en Paramos foi exemplar. Falo da Xunta, que goberna o PP. Falo do Estado, co PSOE nestes momentos. Teño que lembrar que é a primeira vez na historia de España que se declara zona catastrófica a unha catástrofe de índole privado e as demandas da Plataforma de Afectados foron cumpridas polo Estado. A Deputación colaborou coa aportación de persoal e o Concello de Tui creou, a instancias do PSOE, un fondo de emerxencia á disposición dos afectados. O que non foi exemplar foi o intento de politización e instrumentalización da traxedia, moita veces enganando aos afectados.
Como se debe preparar Tui para o Xacobeo 2021?
Durante a etapa de goberno fomos críticos coa Xunta pola súa aposta polo Camiño da Costa e tamén coa Deputación, aínda que gobernara o PSOE, porque entendíamos que estaba nesa aposta. Hai que reclamar a atención das institucións e á vez actuar nas infraestruturas. Un mal enfoque é querer competir co Camiño da Costa. Tui ten que converterse na capital do Camiño Portugués polo interior e pola Costa, proposta no seu momento de Miguel Ángel Capón. E as infraestruturas teñen que estar nas mellores condicións. Cando chegamos ao goberno remitimos a Fomento un proxecto de humanización na entrada pola Avenida de Portugal, que está lamentable, e redactamos tamén a humanización de Canónigo Valiño. Porén, chama atención a cese do xerente do Xacobeo -que é de Tui-. Esperamos que non repercuta negativamente.
Que proxecto lle gustaría liderar en Tui nos próximos catro anos?
Voume a centrar en tres. Abrir a rúa Ourense na zona norte. É prioritario. Tamén o aparcamento. Non só para garantir prazas do aparcamento senón porque a traseira da Área Panorámica é un anacronismo. E por último, un proxecto cohesionador do mundo rural co urbano e que é moi positivo para a a calidade de vida dos veciños. Falo da senda do Miño, que teño que recordar que cando marchamos o proxecto quedou feito e que superaba os 2 millons de euros, cofinanciado nun 80% pola Deputación-. Recuperaremos ese convenio e o remataremos.