Enrique Fojo (Podemos): "Imos loitar co noso partido en Madrid para lograr o rescate da AP9"

Publicidad

En poucas palabras, por que as veciñas e veciños de Redondela deben apoiar a súa candidatura nas eleccións municipais?

Queremos ser unha alternativa de goberno e de esquerdas. O modelo da vella política nin funciona nin é positiva para a cidadanía. Tentaremos que haxa máis transparencia e que os impostos sexan pagados polos que máis teñen. O emprego está fallando e temos que fomentar un emprego de calidade. Hai graves problemas coas infraestruturas coa AP9 ou co transporte público. No medio ambiente non coidamos a nosa ría, etc. Queremos mirar pola xente.

Como imaxinas a Redondela de dentro de catro anos se logras ser alcalde?

Non somos de prometer algo que non se pode facer. Hai que ser realistas. Imaxino que poderíamos acadar un maior nivel de emprego de calidade. Sería positivo remunicipalizar servizos tan básicos como a auga ou o lixo. E promover o pequeno comercio, que está un pouco abandonado.

Cales son os retos culturais que ten Redondela?

Redondela caracterízase pola cantidade de asociacións e colectivos. Deberían ter máis voz e peso no goberno. Debería facilitárselle a potestade de ter máis voz nos plenos, por exemplo, ou que o goberno teña en conta as súas achegas. Con este goberno hai vetos a colectivos ou non se lle teñen en conta.

Cales son as vosas expectativas?

Moi humildes. Esperamos lograr algún concelleiro máis. Cremos que a xente despois destes catro anos cun goberno de dereitas darase conta de que non está a funcionar. Pensamos que ten que haber unha coalición de esquerdas forte en Redondela. Non pode pasar o que pasou na anterior lexislatura. Imos estar dispostos a que haxa unha cohesión centrándonos nos programas, nos que hai moitas coincidencias. Sempre dende a esquerda.

Con quen pactaríades?

Con todo aquel disposto a facer política social e que se centre na xente que máis o necesita. Temos moitos puntos en común con PSOE, BNG e AER. O que non estaríamos dispostos é a favorecer un goberno de dereitas, nin tan sequera a aprobarlle os orzamentos, cousa que si ao mellor fixeron outros grupos. Non todo vale, sempre hai unhas liñas vermellas do centro á dereita.

Que sería entón un bo resultado?

Nas pasadas eleccións presentámonos cun partido instrumental, posto que Podemos non se presentaba ás municipais, e obtivemos un concelleiro. Foi duro e unha aprendizaxe constante. Agora xa temos bagaxe e podemos ir con máis forza presentando as nosas ideas. Non me quero aventurar pero 3 ou 4 concelleiros estaría xenial.

E un mal resultado?

Quedarnos como estamos. A nosa idea é avanzar. Conformarnos co que xa temos sería estancarse.

Como solucionar o conflicto co transporte metropolitano e nomeadamente con Vitrasa en Chapela?

Hai unha loita de egos. A Xunta representada pola dereita non quere pagar por un lado e o goberno de Abel Caballero, do PSOE, non quere pasar pola outra. Isto precisa dunha solución política. Estas loitas de egos soamente prexudican aos cidadáns de Chapela. Apostamos porque se reavive o transporte ferroviario de proximidade, máis en Chapela que é a unión entre Redondela e Vigo.

Está a favor de reactivar a Área Metropolitana?

É un tema que estamos vendo. Aínda imos ter unha reunión coa Marea de Vigo e temos que tratar certos puntos. O que non podemos é encerrarnos en nós mesmos. A Área Metropolitana pode ser favorable pero hai que ver ben os puntos.

A Autoridade Portuaria plantexou a posibilidade de converter o Cargadoiro de Duchess en Rande nun depósito de contedores, que opinión lle merece?

A proposta é cultural para ese espazo. Pertence á Rede Natura e non pode utilizarse co fin que propón o Porto de Vigo. No PXOM esas parcelas teñen que estar protexidas e hai que utilizalas para fins culturais e darlle a representación que ten histórica.

Será posible rematar coa peaxe da AP9?

Non só garantimos a loita polos veciños e pola supresión da peaxe -que non quereríamos que quedara como peaxe oculto- senón que apostamos polo rescate da autopista. Imos loitar coa xente do noso partido que está en Madrid para que faga o posible polo rescate. De feito pediuse xa no Congreso. Primeiro votou en contra o PP e agora fíxoo o PSOE alegando que algo tan fundamental como o rescate desta autopista non era de interese xeral para España.

Que se pode facer para acabar co macrobotellón do Entroido de Verán?

Apostamos polas actividades lúdicas e con moita máis participación. Hai que cambiar o formato deste Entroido de Verán. Temos que fomentar a participación familiar e infantil e, sobre todo, concienciar á xente porque non pode ser un macrobotellón. As persoas que acudimos á festa, eu incluído, deberíamos dar exemplo aos mozos e demostrarlle que hai outra alternativa de diversión sen alcol.

Que se xoga Redondela o 26 de maio?

Xógase unha mellora do benestar e da calidade de vida e, sobre todo, na atención ás urxencias sociais. O apartado laboral é moi importante. Hai plans laborais que non están a funcionar. Parece que crean emprego pero este é de mala calidade. Temos que facer máis por formar á xente e apostar por empregos de maior calidade.

Que proxecto lle ilusionaría para Redondela?

Non hai un, teño un proxecto global. Contentaríame con poder facer un pouquiño en cada unha das áreas nas que Redondela precisa un empurrón.

UNIDAS PODEMOS REDONDELA

Fai clic aquí para ver a lista completa

UNIDAS PODEMOS SON EN COMÚN  (UNIDAS PODEMOS–SON EN COMÚN)

1. ENRIQUE FOJO DURAN

2. JENNIFER FERNANDEZ GARCIA

3. MIGUEL ANGEL CRESPO PEREIRA

4. MARIA DEL MAR NUÑEZ MARTINEZ

5. OSCAR BENAVIDES VILA

6. MARIA DEL MAR ALBA GARCIA

7. MANUEL JURADO LAGO CAMPELOS

8. MARIA BEGOÑA RODRIGUEZ ALONSO

9. ALEJO GONZALEZ SENRA

10. ALICIA TIZON NUÑEZ

11. ANTONIO AGUSTIN ALFAYA OCAMPO

12. CRISTINA CALVAR LAGO

13. ALFONSO BLANCO PUGA

14. FATIMA PAZO LOPEZ

15. UXIO ALBA OREIRO

16. IRENE DIAZ DACUÑA

17. MANUEL LAGO CHAPELA

18. MARIA DE LOS ANGELES GARCIA FERNANDEZ

19. DANIEL SANTIAGO DOMINGUEZ CASTAÑO

20. SUSANA AMOEDO SENRA

21. CESAR AMOEDO ALVAREZ

Suplentes

1. DANIEL CRESPO PEREIRA

2. NEREA FERNANDEZ RAMOS

3. MANUEL IGLESIAS SANCHEZ

 

Salir de la versión móvil