Que motivos lle dá aos veciños de Baiona para que aposten pola súa candidatura este 26 de maio?
Dende o BNG entendemos que os veciños deben apostar por nós porque temos o gran valor do traballo feito estes catro anos de estar sempre cos movementos sociais e non en contra deles en situacións tan fundamentais como foi o campo de golf. Temos un aval de traballo que garantirá que no goberno traballaremos con honestidade e con máis traballo.
No caso de ser alcalde ou estar no goberno, como imaxina Baiona dentro de catro anos?
Hai exemplos moi claros como pode ser Tomiño ou Pontevedra que son modelos BNG. Nós tiramos tamén un pouco por iso. Baiona dentro de catro anos sería un concello con máis participación da súa cidadanía e dos seus colectivos, unha Baiona menos centralizada no que é a súa capitalidade como Baiona, máis parroquial e unha Baiona coas súas potencialidades e os seus recursos postos en valor.
Cales son os retos a nivel cultural que ten Baiona?
Dende o noso punto de vista os retos culturais que ten Baiona é ofrecer actividades durante todo o ano e para todas as capas da sociedade, non só para as capas turísticas con personaxes como Sánchez Dragó ou Mario Conde. Cultura de verdade, de base, do noso territorio. Cultura da propia Baiona, que tamén a ten e aberta á participación de todos os centros sociais e parroquiais. Levamos unha cantidade de propostas de dinamización que van todas no eido da posta en valor propia da cultura.
Falabas do “modelo BNG” con dous exemplos como Pontevedra e Tomiño, tedes no voso programa esa aposta polas humanizacións en determinas zonas de Baiona?
Non son humanizacións masificadas. En Baiona levamos case 40 anos sen ningún goberno transformador e que pense en humanizar e mire para a cidadanía. Só ven para os coches e para o turismo de verán. Baiona está nese sentido moi corrupta e é moi difícil modificala. Entendemos que antes de dar eses pasos temos que reorganizar profundamente Baiona. Si que nun horizonte moi lonxano, refírome xa a 16 ou 20 anos, ese sería o camiño.
Que plans tedes co turismo de verán e que propoñedes para desestacionalizalo?
A palabra desestacionalización, que se nos enche a boca a moitos políticos con ela, ten que deixar de estar baleira. Ten que ter contido. Nós no noso programa o dimos claramente. O que temos que facer é dinamizar a propia cultura e pór en valor o noso territorio. O que non pode ter Baiona é unha estación de arte rupestre como o Outeiro dos Lameiros, punteira a nivel peninsular, é que realmente o Concello o teña oculto a propósito. Nós levamos en colaboración coas comunidades de montes facer un centro de interpretación de arqueoloxía, un centro de interpretación da natureza para poñer en valor todas esas potencialidades marítimas, medio ambientais, arqueolóxicas, etnográficas e a partir de aí artellar todo un círculo coas asociacións e o eido cultural para ofrecer unha oferta ampla que desestacionalice o turismo.
Baiona é un dos concellos con máis fragmentación, teme que o escenario deste domingo sexa un escenario de ingobernabilidade?
Pola nosa parte non creo que haxa ese escenario de ingobernabilidade. Creo que vai estar moi marcada o eixo esquerda e dereita dentro das oito opcións que hai en Baiona. Eu entendo que cara un lado ou cara o outro vai caer a balanza ou non debería haber moito problema para chegar a pactos. Nós, nese ámbito, nunca pactaremos cun partido que sexa de base de políticas de dereita e cun partido que non respecte o idioma galego.
Por outra banda, nestas eleccións a dereita vai máis fragmentada que en 2015.
Si. É unha consecuencia da mala xestión do PP a nivel do estado español e tamén a nivel galego e baionés. Hai que lembrar que foron catro membros os que deixaron este último goberno, un desastre na xestión ou múltiples multas por problemas laborais. Hai unha desastrosa xestión que realmente destapou intereses de persoas que todos sabemos que estaban achegadas ao PP e que miran un nicho de oportunidade.
Que sería para vós un bo resultado este domingo?
Para nós un bo resultado sería aumentar os votos que conseguimos fai catro anos. A pregunta é complexa no sentido de que a participación foi moi baixa mentres que nestes comicios penso que estará en torno a un 75% ou 77%, entón é difícil calibrar iso. En resultados totais nós non firmamos nada. Fixemos un traballo que creo que a cidadanía baionesa o está valorando e non descartaríamos nada en absoluto.
E un mal resultado?
Volvemos un pouco ao mesmo. É un pouco complexo porque van entrar en xogo outros factores. Un malo sería manter ou baixar votos con respecto ás eleccións municipais de 2015.
Que se xoga Baiona este 26 de maio?
Xógase o futuro e xógase, sobre todo por primeira vez, dar unha oportunidade a un grupo como é o BNG, un grupo transformador que así o demostramos en moitos sitios e así o levamos nas nosas 44 follas de proxecto para Baiona.
Que medidas adoptarías nos teus primeiros 100 días se foses alcalde de Baiona?
Hai cuestións moi claras que parten dunha desastrosa xestión. O que chegue o 27 de maio á Alcaldía, Ángel Rodal déixalle múltiples problemas. O primeiro, e fundamental, xa é o funcionamento e a xestión do propio Concello e dos seus propios empregados. É dicir, a RPT ten que saír canto antes. Si ou si. Hai problemas laborais que veñen por non ter a RPT. Outra das cousas fundamentais que hai que facer é facer uns orzamentos.
Que proxecto lle gustaría facer a Iago Pereira por Baiona?
Nós entendemos que hai dous grandes bloques. Un sería a participación real da cidadanía no que é o desenvolvemento normal e natural dun Concello e outra é a posta en valor do noso patrimonio cultural coa creación do centro de interpretación da natureza e o centro de interpretación da arte rupestre porque isto para nós sería a base, os alicerces para conseguir o noso gran obxectivo que sería lograr unha Baiona para vivir e para traballar.