En poucas palabras, que motivos lle das aos veciños e veciñas de Moaña para que elixan a túa papeleta o día das eleccións?
Volvo a pedir a confianza e o apoio porque conseguimos darlle a volta a unha situación moi complexa economicamente no Concello, conseguimos atender mellor á veciñanza a pesar das dificultades, melloramos a calidade de vida dos veciños e veciñas coas nosas políticas sociais e, dende logo, abrimos o Concello á participación veciñal. Cando nos presentamos era para que Moaña volvese florecer. Moaña floreceu e vai seguir florida se consolidamos o apoio da veciñanza a partir do 26 de maio.
Como imaxinas a Moaña de dentro de catro anos se o BNG continúa na alcaldía?
Vai a ser unha Moaña igualitaria, na que os servizos públicos sexan de calidade, na que a veciñanza estea integrada na toma de decisión, sostible, orgullosa da súa identidade como pobo e chega de actividades. O Concello ten que ser o motor do rico tecido cultural e deportivo que temos. Debemos apoiar o talento das persoas que viven aquí.
Cales son os retos culturais de Moaña?
Seguir apoiando a todas as entidades que traballan neste eido. Seguir potenciando o Festival Intercéltico e buscar o cofinanciamento do gran proxecto que ten que ser o auditorio municipal.
O BNG e PSdeG gobernaron Moaña durante boa parte da democracia. Por que non se construiu aínda un auditorio municipal?
Por iso mesmo. Porque gobernou o BNG ou o PSdeG. Noutras vilas onde o PP gobernou maioritariamente a Xunta construíulle auditorios. En Moaña, cunha entidade cultural tan ampla foi un castigo que a Xunta adoptou. Dende o BNG imos a loitar porque a Xunta poña os recursos necesarios para financiar ese proxecto agora que o temos actualizado, pero sabemos que haberá que buscar outros socios. Dende o Concello estamos dispostos a poñer unha parte. Pero a realidade é que a Xunta construíu auditorios por todo o país en concellos con menor número de habitantes e actividade cultural. É unha débeda histórica e por iso, si ou si, van ter que poñer os recursos.
Está a Xunta de Galicia a castigar Moaña obstaculizando o centro de saúde porque a súa alcaldesa é do BNG?
A realidade é que esa é outra débeda histórica da Xunta con nós, se cabe máis grave porque nos afecta a todos e todas na saúde. Imos a poñer a disposición do goberno autonómico unha parcela de 7.700 metros cadrados de capacidade construtiva e a Xunta ten planificado un centro de 3.100 metros cadrados, polo que é perfectamente válida. Por outro lado, imos a esixir que non se perdan os servizos de urxencias e odontoloxía que temos na actualidade. Se a veciñanza fai un esforzo económico para regalarlle á Xunta unha parcela onde construír o centro de saúde, cando a competencia é exclusiva da Xunta, esiximos que non se reduzan servizos e que se amplíen.
Aposta Leticia Santos pola transformación peonil?
Temos unha aposta pola mobilidade urbana sostible. As persoas teñen dereito a ocupar o espazo público. Unha das primeiras cuestións que fixemos foi buscar recursos para sacar adiante o Camiño Real, que estamos licitando actualmente por 575.000 euros. Unha obra que permite conectar o centro urbano de Moaña co de Cangas cunha vía de preferencia peonil e ciclable. Será a rúa peonil máis longa de todo o país. Non pasaría se non estivese o BNG en ambos gobernos e na Deputación. Tamén temos a estrada Abelendo – O Casal que humanizamos pensando nas persoas e tamén temos un programa de Camiños Escolares Seguros como o de Tirán -que comezará en breve- e o do CEIP de Domaio -xa en proxecto-. Temos xa tamén o primeiro Plan de Mobilidade Sustentable de Moaña (PMUS).
Moaña é un municipio moi atractivo. Fomentaredes máis o turismo ou é suficiente a oferta actual?
O reto é que o turismo se dirixa a nivel comarcal. Queremos unha marca para atraer o turismo ao Morrazo. Dende o BNG defendemos atraer turismo sustentable, é dicir, non queremos turismo masivo senón respectuoso co medio. Queremos que nos visite xente en calquera época do ano, por suposto. Apostamos polo turismo inclusivo para ser un referente en persoas con calquera tipo de afección á súa mobilidade e circunstancia persoal. Outro punto é ser foco de atención en turismo deportivo e arqueolóxico. O turismo non ten que basearse unicamente en sol e praia, das que tamén dispoñemos afortunadamente. Actividades como a Feira Eco ou Descubre Moaña permite atraer a xente que nos visita e pasa o día.
Como valoras a experiencia de goberno conxunta co PSdeG?
É moi positiva, clara e sinceramente. Gobernamos cunha sintonía maior que algúns gobernos monocor. Demostra que somos persoas centradas en sacar un proxecto común máis alá dos nosos egos e cuestións persoais ou partidistas. O BNG ten capacidade de traballo en equipo, de entendemento e liderado.
Repetiría Leticia Santos un goberno en coalición?
Aspiramos a ser a forza política máis votada. Se a xente decide que quere que compartamos goberno pola miña parte porei todo o que estea na miña man se é o mellor para a veciñanza.
Que sería un bo resultado?
Aspiramos a ser a primeira forza. Sería un bo resultado que a xente nos apoiara masivamente porque querería dicir que confían no noso proxecto.
Cal é o maior reto cumprido?
Temos moitos. Foi moi importante aprobar o PXOM de forma total e definitiva baseándonos en que cando ardeu Fandicosta estaba en suspenso e a licencia de reconstrución dependía desa aprobación, por exemplo. Por outro lado, estou moi orgullosa de ter acadado o acordo con todas as persoas propietarias no ámbito de Sisalde que nos vai permitir desenvolvelo e poñer os terreos a disposición da Xunta. A xente sabe que cumprimos co programa porque as propostas son todas moi realistas. Se coa situación de 2015 fomos quen de reducir oito millóns de débeda aumentando as partidas de benestar social nun 200% e facer investimentos, do que non seremos capaces partindo da situación actual.
Un proxecto para o futuro é...
O BNG o mellor proxecto que ten é que vai a continuar mellorando a calidade de vida da veciñanza. Ese é o maior proxecto que se pode facer por unha vila. O maior de todos. Mellorar os servizos públicos que se lle prestan a todas as persoas. E por suposto, o Centro de Saúde e o Auditorio Municipal.
Nos últimos meses hai algunhas persoas que reclaman unha rúa para Iago Aspas. É prioritario?
O que foi demandado é que o campo de fútbol tivera o nome de Iago Aspas Juncal. Da rúa non recibimos ningunha proposta oficialmente. Invito aos que teñan esa inquedanza a que o tramiten igual que se fixo co campo. Paréceme unha persoa extraordinaria, a todos os niveis, e un deportista magnifico. É un excelente embaixador da nosa vila. Se a veciñanza de Moaña quere que lle dediquemos unha rúa a Iago Aspas Juncal dende logo atoparán en Leticia Santos e no BNG todo o noso apoio ao igual que fixemos co campo de fútbol.
Que se xoga Moaña o 26 de maio?
Xógase moito. Seguir liderada por un equipo de traballo sólido, preparado, capacitado e que renova a súa ilusión con persoas extraordinarias e, a súa vez, xógase seguir avanzando nesta mellora que iniciamos hai catro anos. Ou quedar na parálise do goberno que nos precedeu cunha oposición liderada pola mesma persoa. Moaña vai ter garantido que co BNG liderando o Concello se trate a todas as persoas por igual e impulsará o talento dun pobo mariñeiro orgulloso da súa identidade.