En poucas palabras, por que os veciños e veciñas do Porriño deben escoller a papeleta de Eu Son Porriño?
Cun só concelleiro levamos ao Concello máis de 50 mocións. Traballamos cos veciños e nas parroquias. Fixemos un traballo constante nas rúas. Pensamos que se isto o puidemos facer cun só concelleiro, se temos un bo resultado ese traballo multiplicarase. Será unha aposta de renovación. O Porriño ten atraso en canto a transparencia e participación. Débense afrontar dunha vez os problemas reais do Porriño, que son moitos e moi preocupantes. Lindano, centro de saúde, Torneiros, comunicación das parroquias... hai moitos temas pendentes que se deixaron de lado por non ter un proxecto. Somos a única saída para un cambio real no Concello.
Como imaxinas O Porriño en catro anos?
Irrecoñecible. Irrecoñecible no trato coa veciñanza. O concello ten que ser cercano, transparente e amable. Hai que traballar en común. Son moitos anos de retraso no xeito de afrontar as cuestións graves do Porriño.
Cales son os retos culturais?
Hai que crear un Consello da Cultura. Unha escola de teatro. Tamén é necesario crear un espazo de encontro facilitando que os diferentes actores culturais poidan participar nos eventos. A política cultural ten que ser transversal e pensada por técnicos expertos.
O Porriño é un dos concellos con maior poboación moza da área de Vigo, que plans presenta Eu Son Porriño para as familias?
Para a xuventude non hai espazos de encontro onde se poida compartir a vida na vila. É moi difícil que a xuventude se exprese nas rúas. Noutras vilas da contorna se está traballando nese campo. No propio núcleo urbano hai que plantexar O Porriño doutro xeito.
Estará o Paso a Nivel fóra nos próximos catro anos?
Os estudos están feitos. O que hai que eliminar é que o tren pase polo Porriño. Estamos a favor dun tren de proximidade como medio de comunicación fundamental, pero está claro que ten que atoparse unha alternativa que podería ser paralela a autovía, por exemplo. Outro estudio apuntaba a que podería pasar por Torneiros para facilitar alí un apeadeiro e darlle máis vida á parroquia. Pero estamos abertos ás propostas, non somos técnicos, pero está claro que non pode seguir como está.
Outro dos problemas do Porriño e o atraso no pago das facturas. Que propón Eu Son Porriño?
A solución é facer uns orzamentos. Toda esta cuestión vén por ter irregular os servizos. Hai que esixir máxima transparencia. Que non haxa a mínima dúbida de que se empregan cartos públicos dun xeito irregular. Pode ser algo extraordinario que haxa que pagar unha urxencia, pero isto se converteu nun hábito. Catro anos sen orzamentos traen estas consecuencias.
Este 2019 a marca Interrunning e Concello do Porriño separaron os seus camiños. Volverán converxer?
Sería o ideal. Non sei por que se chegou a este punto pero a Interrunning é algo que promocionou o atletismo no Porriño dun xeito ideal. Un deporte ademais moi integrador. Hai que chegar a un diálogo de novo.
Con quen estás aberto a pactar para formar goberno?
Eu o digo claro. O noso ánimo está arriba de todo. Queremos ser a alternativa real. Dimos a oportunidade a alcaldesa do Partido Socialista e foron catro anos perdidos. Nos presentamos dicindo que non hai outra opción. Queremos ser a alternativa real de esquerdas que leve á cabeza o proxecto do Porriño. A partir de aí se falará co resto dos grupos. Non vemos outra opción.
E dicir, a vosa mensaxe é que a túa candidatura é o voto útil?
Está claro. A xente quere un cambio xa. É moito tempo perdido con problemas reais que non se afrontan. Dimos un voto de confianza ao goberno que ademais apostou pola dereita e agora imos a por todas. É necesario dar respostas ás necesidades do Porriño.
Cal sería un bo resultado nas eleccións?
Para nós é ter a maioría da esquerda e que sexamos a cabeza do cambio real. Así poderíamos facer fronte á dereita con PP, Ciudadanos e Vox.
E un mal resultado?
Sendo sincero, non o contemplamos, pero sería que volvera a gobernar a dereita. Pensamos que non se vai a dar. O PP xa gobernou, tivo a súa oportunidade. Queremos mirar cara o futuro.
A Avenida de Galicia ten un problema de tráfico en horas puntas, que se pode facer?
Hai que ter un proxecto urbanístico. Non se pode facer como se fixo facendo modificacións puntuais sen ter na cabeza un proxecto global. O problema de mobilidade e de paso de estradas hai que atallalo. Hai que crear espazos para as persoas. Daríame moita tranquilidade que o meu fillo puidese ir tranquilamente ao centro. O paso de vehículos ten que ser unha excepción. Hai alternativas para que o tráfico non pase.
Para cando un auditorio municipal?
É fundamental crear ese espazo. Un auditorio pero tamén un centro de actividades e proxectos culturais. Un auditorio multiusos. Hai que facelo si ou si. Será prioritario.
Entre os grandes problemas do municipio, poñedes habitualmente o foco no Centro de Saúde...
Estamos sempre con esa reclamación. Un centro que se queda pequeno, con falta de dotacións de radioloxía, fisioterapia, psiquiatría. Un centro case colapsado. Estamos cada mes concentrándonos reclamando algo que é fundamental como é o dereito á saúde. Pero tamén hai un problema no ensino. Non podemos ter un colexio no centro do Porriño nas condicións que está o CEIP Xosé Fernández López. Non se pode desviar alumnado a centros concertados. A oferta pública ten que ter calidade. O CEIP Fernández López non é digno. Hai outros problemas como o estado no que se atopa a parroquia de Torneiros, que sempre quedou ao marxe de calquera tipo de actuación, ou o problema do Lindano, que é gravísimo.
Que gran proxecto gustaríache desenvolver no Porriño se chegas a ser alcalde?
O fundamental é ter un proxecto. Hai que cambiar o plantexamento da política urbanística. O Porriño debe ser un lugar no que estar a gusto, unha vila amable con espazos de encontro. A integración coas parroquias é algo fundamental. Hai que afrontar as políticas sociais e os problemas de familias que viven situacións duras con traballos moi precarios con soldos de miseria.
Que se xoga O Porriño o 26 de maio?
Xógase unha oportunidade clarísima de lograr o necesario cambio. Non se pode esperar máis. Son moitas oportunidades perdidas. Iso chegou a un punto de colapso. Estamos cansados das vellas formas políticas de interese partidista e resentimento persoal.