En poucas palabras, por que os veciños e veciñas do Porriño deben escoller a papeleta do BNG?
A razón para nós é sinxela. Nestas eleccións concorren sete candidatos pero confíamos en que a xente nos elixa porque presentamos un equipo de persoas con experiencia e formación. Pero sobre todo, ofrecemos unha forma de gobernar para o conxunto da xente. Temos moi claro que é o que necesita o concello para seguir transformándose, xa o fixemos no 2003. Gañamos espazos públicos, aparcamento soterrado na avenida de Galicia e levando o saneamento a todas as parroquias. Ofrecemos unha visión de conxunto. Temos as persoas e temos o proxecto. A garantía para a transformación real do Porriño é o BNG.
Como imaxinas O Porriño en catro anos?
Vexo que debe seguir avanzando. Se a alcaldía pasa por nós, o Concello seguirase a transformar. Precisamos dotacións de ocio e diversión ao aire libre. Tamén un novo auditorio. Un Porriño máis participativo e con máis espazos públicos.
Onde se construiría o auditorio?
Valoramos varias opcións, é moi arriscado optar por un sitio sen valorar os pros e contras. Espazos no centro urbano hai. Cremos que a contorna do Roxy é moi céntrica e con poucos accesos. Non é descartable, pero non está na nosa prioridade esa ubicación. Analizamos cos técnicos esas opcións e imos a presentar un proxecto moi definido que non quede soamente nun edificio senón que abrangue un espazo máis amplo.
Ademais do auditorio, cales son os retos culturais do municipio?
A programación pasa porque o Concello aumente a oferta e debe ser fundamental que a coordine. Non pode haber solapamentos entre as parroquias e o Concello. Máis oferta, máis diversa e que chegue a todas. Unha persoa non pode estar na tesitura de renunciar a unha oferta nas parroquias porque hai outra organizada polo Concello.
O Porriño é un dos concellos con maior poboación moza da área de Vigo, que plans presenta o BNG para as familias?
Debemos recuperar espazos públicos, aumentar dotacións nos parques infantís, crear espazos de ocio e diversión con servizos máis amplos. Debe poñerse en valor a zona do río Louro e planificar a medio e corto prazo un gran parque urbano. Non podemos resignarnos a unha barreira artificial como é a vía do tren.
Falas do paso a nivel, estará fóra nos próximos catro anos?
Se alguén di que se elimina en catro anos, sen ter competencias directas, está a falar sen saber o que fala. Sempre dixemos que as vías do tren do Porriño van ligadas a solución que se dea á saída sur de Vigo. Agora, o que non pode facer un goberno do Concello do Porriño é estar impasible esperando aos movementos externos. Hai que provocar que Fomento o tome en serio. O PP e o PSOE fan seguidismo das posicións dos gobernos estatais. Hai que dar a batalla, pero sendo realistas en catro ano non se consigue. Pero Eva García de la Torre aceptou e non rechistou que non aparecera nos orzamentos do Estado. Iso non se pode permitir.
A Avenida de Galicia ten un problema de tráfico en horas puntas, que se pode facer?
Ten un carril por sentido, antes había unha medianeira alta e beirarrúas máis estreitas. Era inhabitable. A avenida de Galicia hoxe é unha vía de comunicación interna. Un vial único é suficiente. Quizais hai que reformar superficialmente para vehículos de emerxencias. Antes con dobre carril había máis atrancos dos que hai hoxe.
Si é certo que se humanizou e se recuperou para uso peonil, pero segue a colapsarse a horas puntas...
O concello do Porriño ten unha alternativa de circunvalación cara a zona das torres e o pavillón coa A-52 cun acceso á altura do instituto. É certo que temos a costume como usuarios de ir sempre polo centro, pero se vas ás parroquias podes empregar a circunvalación. Quizais hai que pensar nunha circunvalación completa. Pero hai que facer pedagoxía, eu tamén son un deles, que non se pode ir polo centro. En Pontevedra ou outros concello se limita o espazo no centro e non pasa nada. Pero sempre hai que garantir circunvalacións.
O BNG foi o transformador do centro urbano do Porriño, porén non foi apoiado nas urnas. Por que?
Temos que ser realistas e facer autocrítica como organización, tamén a nivel nacional. No 2012 tivemos un proceso de división. Despois, as persoas cando elixen o seu voto poñen na mesa moitísimas variables. Eu non estou no goberno para que se me gaben as decisións e acertos, senón para cambiar as cousas. O que digo e que en 22 anos de goberno do PP non cambiou O Porriño. Nós, contra vento e marea o fixemos. Puideron cambiarse máis cousas pero as circunstancias tampouco foron as máis axeitadas. Agora, a xente ten experiencia co PSOE e a parálise é patente. Ou non ven prioritario avanzar ou non son capaces. Cremos que hai marxe de cambio na parte sur. San Benito, San Sebastián e a contorna de Domingo Bueno debe protagonizar unha modificación da superficie e gañar espazo para a xente. É posible facelo.
Cal sería un bo resultado nas eleccións?
Non queremos botar as campás a voar antes de tempo. No Porriño nunca houbo transbordos excesivos de voto, pero todo o que sexa incrementar os dous concelleiros que logramos en 2015 será un bo resultado. Se entramos no goberno cambiaremos as cousas e senón intentaremos que se cambien dende a oposición. Que o novo goberno non faga o que fixo Eva García de la Torre, que firmou acordos co BNG e non os cumpriu.
E un mal resultado?
Todo o que sexa retroceder é un mal resultado.
Con quen estás aberto a pactar para formar goberno?
Estamos dispostos a pactar co grupo político co que compartamos proxecto. Non soamente imos valorar a execución de proxectos en concreto, senón que imos acordar unha estrutura de goberno e actuacións internas no funcionamento do mesmo. Debe haber un orzamento que marque as prioridades para evitar riscos financieiros. Temos abertas todas as opcións. Tamén é certo que estamos máis abertos a pactar con grupos máis progresistas que o PP ou Ciudadanos ou Vox, iso está claro. Tampouco con aqueles que entenda a política de forma mercenaria pensando en beneficios persoais e non do concello. Por iso non pactaremos con Carrera ou Coto, de UDDL, que se basean en intereses personalistas desprazando do poder a partidos con apoio maioritario como fixeron con nós.
Outro dos problemas do Porriño e o atraso no pago das facturas. Que propón o BNG?
Os provedores deben cobrar, non deben ser responsables do mal proceder dun goberno determinado. Hai moitísimas débedas que hai que pagar e non teñen partida orzamentaria. Iso debe rematarse. O procedemento especial de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito é para algo moi concreto e puntual. Os procedementos realízanse, con demasiada frecuencia, sen partida orzamentaria o que provoca que esteamos a dia de hoxe cun importe de facturas sen partida de máis de tres millóns. Agora hai que pagarlle aos provedores e mirar cal é a forma máis axeitada.
Este 2019 a marca Interrunning e Concello do Porriño separaron os seus camiños. Volverán converxer?
Entendo que poden facelo. Na última edición o organizou o Club de Atletismo. Hai que xuntar ás partes, falar e manter probas deste tipo onde a participación é masiva e moi recoñecida. Hai que evitar episodios de confrontación. Ao final, non quedou moi claro cal foi a motivación real.
Que se xoga O Porriño?
Seguir nunha parálise e seguir nas mans do PP ou PSOE que non teñen un proxecto político definido. Ou apostar por unha transformación e un cambio que avance na mellora dos servizos públicos e de calidade de vida da xente. Nós ofrecemos unha alternativa moi distinta.
Que gran proxecto gustaríache desenvolver no Porriño se chegas a ser alcalde?
O auditorio. A casa da Xuventude. Gañar espazo verde como o sendeiro do río Louro. Debe impulsarse canto antes o novo Plan Xeral. Todo avance do Porriño está en como desenvolvamos un documento de planificación do territorio. Tamén traballar en que o Estado, a Xunta ou a Deputación incrementen a súa colaboración co Concello e evitar as confrontacións. Eses son os retos fundamentais.