Xabier Pérez Igrexas (BNG): "Quero un Vigo no que ninguén teña que durmir na rúa"

Publicidad

En poucas palabras, que motivos lle das aos vigueses e viguesas para que elixan a túa papeleta o día das eleccións?

Creo que é evidente que despois destes catro anos de goberno de maioría absoluta, que se tornou en tan absoluta como inútil, é o momento de darlle a Vigo un novo impulso. Queremos facer avanzar a Vigo para ser unha cidade para o pobo, que atenda barrios e parroquias. Unha cidade de iguais, pero tamén unha cidade con políticas radicalmente feministas. Por último, que Vigo sexa o motor de todo o país, que lidere a súa área metropolitana e que asuma o seu papel como pulmón industrial de Galicia pero, e é moi importante, que se converta na capital galega das tecnoloxías e das comunicacións. A capital galega do futuro.

Como imaxinas o Vigo de dentro de catro anos se o BNG chega ao goberno?

Cada vez que o BNG é determinante e decisivo facemos avanzar á cidade. Temos un proxecto para Vigo. Unha equipa sólida e temos experiencia. Estamos moi centradas e centrados en propostas en positivo. Hai que acabar co 'pim pam pum' permanente cun monotema que é Caballero.

Cales son os retos culturais da cidade?

Hai un reto evidente que é reverter o proceso de desertización cultural. O Concello de Vigo ten que ser un axente dinamizador e o mellor xeito de facelo e democratizando o acceso á cultura, tamén nos barrios e parroquias. O goberno socialista funcionou máis como un elemento de fumigación cultural esmagando as iniciativa e dando fin a programas municipais que colocaron a Vigo nunha posición de vangarda. É o momento de superar a visión acomplexada, provinciana e, se se me permite, paleta, que non acretida as potencialidades da cultura en galego e de Galicia.

Como revitalizaría o Bloque a rede de museos municipais?

Hai que conseguir que deixe de ser unha rede de contedores baleiros que acabou provocando a perda de 50.000 visitantes. É moi difícil entender que unha cidade como Vigo se poida gobernar a golpe de filias e fobias do seu alcalde. Como a este alcalde non lle gusta a arte contemporánea, probablemente porque non a entende, decide que non debemos ter un Museo de Arte Contemporánea senón unha sala de exposicións ao seu gusto. O Marco nos colocaba no mapa dunha parte importante do norte do Estado e decidiu convertelo nun espazo para exposicións de Julio Verne e simposios de seguridade dixital. Os museos teñen que ter programación e horarios. Nós creamos o Centro de Arte Fotográfica de Vigo e estaba chamado a ser o centro galego da fotografía e o cinema e Caballero nunca abriu as súas portas.

Vostede é moi crítico coa programación dos concertos de Castrelos. Por que?

Son crítico con ese modelo de programación cultural no que se teima en obviar unha parte importante da nosa cultura. Entendemos que a programación de concertos ten que ser variada. O que chama a atención é que en todo o cartel xa confirmado hai unha grande ausencia da música galega e en galego. Probablemente que non haxa ningún grupo galego se debe máis a ignorancia, porque senón cabería pensar que é por desprezo.

Debe o Concello asumir a xestión directa da programación do Auditorio Mar de Vigo agora que é municipal?

No Auditorio Mar de Vigo está a mesma empresa que programou durante toda esta xestión ruinosa e que levou a UTE a desfacerse do auditorio a un bo prezo para eles e a un mal custe para a cidade. Se non fora pola inxección anual de medio millon de euros por parte do Concello non se tería programado ningún evento. Este modelo está fracasado e hai que asumir o reto de programar dende a cidade e darlle un uso a este auditorio, tendo en conta as súas limitacións. O primeiro que hai que facer é auditar esa concesión. Tamén hai que potenciar o turismo de congresos coa axencia que nós puxemos en marcha, a Vigo Convention Bureau.

Que opinión te merece a programación?

A programación do Auditorio Mar de Vigo insiste nun modelo casposo convertido nun espazo de 'circuito B'. Cando contratan co Luar despois veñen a contratar co Mar de Vigo. Tamén está infrautilizado o auditorio municipal. O PSOE acabou con programas que garantían unha presenza nos espazos dos barrios e parroquias. O Mar de Vigo é a punta do iceberg, pero o problema é o modelo de desertización cultural.

Por que en Peinador non acaban de asentarse as low cost?

Hai que deixar de mentir e poñer o foco en que este modelo de subvencións non permite nunca asentar liñas. Cando se corta a subvención as aerolíneas marchan. Temos que desenvolver todo o potencial de Peinador, tamén no tráfico de mercadorías. O peixe vigués non viaxa dende Peinador senón que viaxa dende Euskadi. Tamén hai que romper a visión de enfrontamento estéril coas outras terminales galegas. O noso competidor é o Sá Carneiro. E por último hai que mellorar a infraestructura -alargando pista ou cunha nova pista de rodadura-, ampliar o horario de apertura, poñer en marcha un centro loxístico e mellorar os accesos ao aeroporto.

Que solución aportará o BNG para controlar os prezos do aluguer en Vigo?

En Vigo temos 18.500 vivendas baleiras. Se cadra hai que racionalizar a necesidade de construír. Esas vivendas, na súa meirande parte están en mas da Sareb e das entidades bancarias privadas rescatadas con fondos públicos. Hai que poñer en marcha un parque municipal de vivendas sociais con dúas vertentes: promover o alugueiro social entre a xuventude e as clases traballadoras e despregar un programa de vivendas para situacións de emerxencia habitacional.

Que medidas preve adoptar coa demanda histórica da recuperación da praia de Samil?

Debe cumplirse o proxectado. É necesario facer unha actuación integral que permita recuperar o areal de Samil. Esas instalacións actuais -piscina, paseo...- poden e débense trasladar cara atrás. O problema é que o Concello de Vigo decidiu renovar algunhas das concesións que ademais non son chiringuitos a prezos populares...

Como mellorar Vitrasa, o servizo peor valorado de Vigo?

O novo prego debe elaborarse de forma participativa, transparente e non debe descartar a posibilidade de recuperar a xestión directa. Hai que facer do autobús urbano un elemento estratéxico. Hai que mellorar sustancialmente ese servizo. Vigo ten o autobús co billete máis caro de toda Galiza e o terceiro máis caro de todo o Estado. Propoñemos un novo mapa de líneas que conecte mellor todos os puntos -non só o centro-, hai que acurtar os circulares -un que ten 50 minutos de percorrido é turístico non circular-e hai que mellorar as frecuencias, conexións co Hospital e Cuvi e mellorar a liña nocturna. Ademais, ten que haber unha liña central que faga efectivo o transbordo.

Que resultado esperas colleitar o 26M?

Hai unha vaga moi importante de simpatía. Estou certo de que o 26M imos volver estar no pleno. A cuestión é con que forza. Iso está na man dos vigueses e viguesas.

Que sería un bo resultado para o BNG?

Sería entrar coa suficiente forza para ser determinante e decisivos.

E un malo?

Malo sería non entrar, pero é un escenario que felizmente non se vai producir.

Vigo Vertical, si ou non?

Accesibilidade si, pero unha cousa e instalar ascensores e ramplas nunha cidade que é dificil e outra instalar unha rampla até o Corte Inglés.

Luces de Nadal, si ou non?

Non son o Grinch, fun tamén coa miña filla a velas. No BNG entendemos que forma parte da promoción do turismo e o comercio. O debate non é ese, senón se nos podemos permitir que o Concello se gaste un 25% máis en luces que no Plan Municipal de Desemprego. Ou se non sería mellor dedicar eses cartos a novas escolas infantís.

Preocúpache que o Celta abandone Vigo?

O que me preocupa e que nin o Celta estea fóra desta dinámica de lea permanente. O Celta é de Vigo e é moito máis que unha Sociedade Anónima Deportiva, que o é. É un emblema da cidade. Hai que facilitar a súa permanencia, pero o club ten tamén que asumir unha maior corresponsabilidade no gasto de mantemento do estadio. Que ademais ten que seguir sendo municipal.

Por que un votante de esquerdas debe escoller a túa papeleta?

Porque somos de esquerda transformadora e non retórica. Temos un claro compromiso social. Falamos para a maioría social das clases traballadoras.

Para rematar, gustaríame que se quedara cun gran proxecto para a cidade…

Me gustaría unha cidade na que non hai ninguén durmindo na rúa por falta de alternativa habitacional e avanzar cara unha cidade na que ningunha moza e ningunha muller teña que pasar medo cando vai pola rúa.

BNG VIGO

Fai clic aquí para ver a lista completa

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (B.N.G.)

1. XABIER PEREZ IGLESIAS

2. MARIA DEL CARMEN “MAICA” RIVAS CORBACHO (Independente)

3. ELSA QUINTAS ALBORES

4. XEROME CALERO PRADO

5. RAQUEL PEREZ FERNANDEZ

6. MARIA ISABEL “MARIBEL” TATO SANCHEZ

7. MARÍA DORES ”LOLA” RODRIGUEZ MARTINEZ

8. ADRIAN RODRIGUEZ BRAVO

9. EDUARDO RUANOVA DAVILA

10. MARIA ALONSO CASTRO

11. MANUEL CARIDE CORREA

12. ANA BELEN MARTINEZ PIÑEIRO

13. FILIPE ABALDE COMESAÑA

14. ERNESTINA “ERNES” RODRIGUEZ PASTORIZA

15. SANTIAGO RODRIGUEZ SANCHEZ (Independente)

16. BELEN GARCIA SUAREZ

17. ANXO IGLESIAS COVELO

18. MARIA HUMILDADE “MILDE” ROMERO ALVAREZ

19. XOSE ANTONIO GONZALEZ AZPEITIA

20. MARIA CARME “CARMELA” GONZALEZ IGLESIAS

21. PEDRO “PACHECO” VELASCO MARTINEZ

22. LIDIA FARIÑA PIÑEIRO

23. BRAIS RUANOVA VILAS-BOAS

24. ALEXANDRA VAZQUEZ GOMES

25. ANTOLIN ALCANTARA ALVAREZ

26. MARIA DO CARMEN ADAN VILLAMARIN

27. SERAFIN OTERO FERNANDEZ

Suplentes

1. MARIA CRISTINA HERMINA MOINELO

2. XOSE MANUEL ATANES LIMIA

3. AMPARO ALONSO SANCHIS

4. XOSE ANTON SANCHEZ BLAZQUEZ

5. BENEDICTA “BENI” EXPOSITO GONZALEZ

6. RICARDO BLANCO FERNANDEZ

7. CRISTINA ALVAREZ ALVAREZ

Salir de la versión móvil