Por que motivos a veciñanza de Nigrán debe depositar a papeleta do BNG nas urnas este 26 de maio?
As razóns poderían ser moitas. Hai unha fundamental que é a experiencia da que partimos. Nós neste mandato anterior fíxemos moitas propostas, negociamos os dous únicos orzamentos que foi capaz de presentar o PSOE nesta lexislatura. Entón, nestes catro anos comprobamos que podemos aportar moitas cousas, podemos esixir o cumprimento de determinadas actuacións pero se non temos a capacidade de poder decidir realmente na execución vale de moi pouco porque o goberno socialista xa nos demostrou a súa incapacidade para levar cousas acabo. Por iso pedimos, e case dicimos que necesitamos, o apoio da xente para ter a forza para poder executar as ideas que queremos levar a cabo.
No caso de ser alcalde ou entrar no goberno, como imaxinas Nigrán dentro de catro anos?
Seguindo as ideas principais que nós temos, vexo un Nigrán verde. Consideramos que é fundamental darlle unha orientación medio ambiental ao municipio, darlle unha orientación medio ambiental á política turística e resolver os problemas da contaminación como por exemplo na Foz do Miñor ou na desembocadura do río Muiños. Para nós, algo fundamental é pór esta acción como unha das políticas principais do Concello. Imaxino un Nigrán con corredoiros verdes con espazos públicos para que poidan usar tanto os veciños como os visitantes. Vexo tamén un Nigrán no que os mozos non se vaian do Concello porque non poidan pagar unha vivenda e finalmente, para non estenderme máis nesta ilusión, vexo tamén un Nigrán cos espazos urbanos humanizados, con rúas como Otero Pedrayo ou Manuel Lemos (a central da Ramallosa) que sexan rúas transitables e non o que son agora. En definitiva, espazos para camiñar, para vivir sobre todo os peóns por enriba dos coches.
Cales son os retos que ten Nigrán a nivel cultural?
Pensamos que hai que darlle un cambio tamén á política cultural de Nigrán. Nestes momentos un pouco por esa marca de municipio turístico que temos, a maior parte da programación céntrase en macro concertos veraniegos na maioría dos casos. Pola contra hai unha carencia notable de actividade cultural ao longo do ano en outros espazos que non sexan as praias e que teña en conta tamén manifestacións artísticas máis diversas, é dicir, non pode ser que todo o centremos en facer concertos indie, pop ou rock e non contemplemos outras posibilidades. En calquer caso, estes actos teñen que ser respectuosos co medio ambiente. Nós queremos que se programe dende música clásica ata tradicional en diferentes espazos. Queremos que haxa máis manifestacións doutras artes como a danza ou o teatro. A cultura en Nigrán require dunha diversificación nos contidos e nos espazos.
Con que expectativa afronta ás eleccións?
É difícil dicir iso. Sinceramente non o sei. Nós dedicámonos a facer o noso traballo e estaremos onde os cidadáns de Nigrán queren que esteamos. Que nos gustaría a nós? A nós nos gustaría ser determinantes no próximo goberno de Nigrán. Iso é ao que aspiramos e desexamos.
Supoño que o voso obxectivo entón sería entrar nun goberno de esquerdas non?
Si, o noso obxectivo é gobernar. Nós non nos presentamos para protestar, para condicionar ou para pedir. Nós queremos pola experiencia que xa temos é executar. Queremos que só con esa capacidade de execución se pode levar a cabo as políticas que queremos desenvolver como son na temática do benestar social ou políticas para a mocidade. Si quero deixar claro que non contemplamos outra posibilidade que non sexa un goberno de esquerdas.
Que razón lle dades ao votante de esquerdas para que entre todas as opcións elixa a do BNG?
Cada votante ten a súas motivacións. Seguramente distintas á hora de coller unha candidatura. Nós ofrecemos determinación. Se de algo acusamos ao goberno socialista é de falta de determinación e de ser en certa medida pusilánime. Nós sabemos o que queremos. Non negamos tamén que somos nacionalistas. Nós defendemos a cultura galega, a normalización lingüística. Unha das cousas que conseguimos neste mandato que acaba é que o Concello de Nigrán teña un servizo de normalización lingüística. Queremos que tamén se teña en conta na programación a nosa cultura. Isto é que cando a xente vota ao BNG o ten claro.
No caso de ser alcalde, que medidas tomarías nos teus primeiros 100 días de goberno?
Hai varias que deberían ser tomadas ao principio. Hai unha moi importante que é o Plan Xeral. Nigrán aprobou inicialmente o Plan Xeral no mandato anterior. O goberno socialista non avanzou nada. Este mandato que entre ten que ser o da aprobación do Plan Xeral. Por que? Pois é importante ordenar para que haxa vivenda de protección oficial e permitirá á xente nova que non se teña que marchar do concello. Outro factor fundamental é aprobar un orzamento.
Que papel debe xogar Nigrán na comarca do Val Miñor?
Para nós O Val Miñor é fundamental. Isto é algo que din moitas forzas políticas. Non creo que sexa un mantra. Despois ves que na práctica non fan nada. Nós somos uns absolutos defensores de mancomunar servizos e o demostramos coa capacidade que tivemos para intervir en determinadas cuestións como foron os casos dos conflitos da xestión da Piscina da Mancomunidade e co GES (Grupo de Emerxencia Supramunicipal). Con isto quero dicir que hai marxe de aproveitar as posibilidades que dá facer a administración conxunta de varios servizos. De feito, pensamos que sería interesante mancomunar o conservatorio de música elemental de Gondomar e en vez de ter un conservatorio elemental poderíamos ter un conservatorio profesional mancomunado para todo O Val Miñor.
Falando da colaboración entre concellos, está a favor de constituír a Área Metropolitana de Vigo? Sería positiva para Nigrán?
Eu penso que é o noso lugar natural. Nós formamos parte desa área metropolitana se queira ou non se queira. Temos relacións económicas, persoais e de ocio coa metrópole. Iso existe. O que non existe por leas políticas é a institución política. Nalgún momento terá que facerse. Nós estamos a favor dela. Nalgún momento terá que constituírse e desenvolverse. O que pasa é que nós sempre dicimos que vista a guerra entre a Xunta e o alcalde de Vigo, que ten totalmente paralizada a Área, é que nós esteamos de brazos cruzados. Por si, apostamos que mentres non estea ese ente queremos mancomunar servizos a través da Mancomunidade do Val Miñor.
Que se fixo mal en Nigrán nestes últimos catro anos?
A primeira, por evidente, non ser capaz de presentar os orzamentos en cada exercicio. A escusa do goberno en minoría non vale. Tamén houbo falta de determinación de facer cousas de verdade como ocorre coa falta de abastecemento da auga. Estamos cun goberno que funciona por inercia, que non se plantexa medidas transformadoras e así seguimos. O goberno tampouco fixo nada no tema da reciclaxe. Non se sumou ao programa de compostaxe. Non nos preocupamos por desenvolver políticas transformadoras que cambien as cousas. Isto é o que eu máis lle achaco a este goberno.
Que plan tedes a nivel turístico?
Temos que apostar por un turismo sostible, non por un turismo de masas. Iso de cantos máis mellor é pan para hoxe e fame para mañá. Se ti asumes un nivel de turismo que degrade os espazos o que sucederá a medio prazo é que a xente deixara de vir. Esa presión turística desmedida e en exceso xa se está vendo como xera algún problema noutros sitios. Nós cremos que para que Nigrán sexa sendo un concello turístico e atractivo ten que coidar o seu medio ambiente, ten que ser un concello verde, coidado e por iso unha das nosas apostas é a creación dunha rede de parques forestais. Isto permitiría dotar de calidade de vida aos veciños de Nigrán e ser un atractivo turístico para os nosos visitantes.
Sobre a problemática que houbo nestas últimas semanas sobre a renuncia de Nigrán ás bandeiras azuis, que opinión tedes dende o BNG?
Eu xa fai moito tempo que veño sendo moi crítico coa ADEAC. É unha organización privada que dá os distintivos. Moita xente descoñece que xa hai varios anos que a UE desentendeuse desta asociación. Eu xa lle dixen no seu día ao alcalde Juan González que igual habería que plantexarse non solicitar as bandeiras azuis porque non son un distintivo que garanta que as praias estean coidadas medio ambientalmente. De todo isto só hai unha cousa que nos preocupa, que é a que a decisión do goberno non sexa por convencemento, senón que sexa simplemente polas dificultades que ten para cumprir determinados requisitos. Ao mellor o que hai son problemas coa calidade da auga, coa celebración de macro festivais ou coa celebración de macro botellóns, que supón tamén unha presión á praia. E falo por exemplo do festival Vive Nigrán ou da festa de San Xoán.
No caso de ser alcalde ou ter competencias sobre este tema, mantería a súa aposta por eventos como o Vive Nigrán, Solpor ou Nigranjazz?
Vou a ser claro para que non haxa dúbidas con respecto á nosa postura. Nigranjazz por suposto. Trataríamos de apoialo máis para facer del unha referencia en todo o Noroeste peninsular. Cremos que o merecen e son un festival moi respectuoso co entorno. É un modelo do que se debe facer. Solpor Monteferro tamén. Por suposto. Estamos falando dun festival que foi unha boa idea deste goberno. Unha cita nun lugar como Monteferro, cunhas vistas envexables lonxe das vivendas, onde non molesta o descanso de ninguén. Vive Nigrán, o digo claramente, non. Se de nós depende Vive Nigrán non se volverá celebrar polo menos no lugar onde se celebra agora mesmo. Para nós o antigo campo de fútbol de Lourido debería ser unha instalación fundamentalmente deportiva e débese acondicionar para que primase a práctica deportiva. Serve para calquera cousa que para facer deporte. Si se podería utilizar para as festas tradicionais de Praza América, pero é algo puntual e non que se converta este espazo en un lugar habitual de eventos. Isto deu lugar a protestas e eu non entro se os que protestan son ricos dos apartamentos de Praia América ou non. Eu o que vexo e se ten sentido a crítica ou non.
Xa sei que non é competencia local, pero tedes un plan forestal no voso programa para tentar que non se repita unha traxedia como a de Chandebrito?
Queremos facer esa rede de parques forestais. É algo factible e o faríamos dende xa. Hai unha liña de axudas da Deputación de Pontevedra para crealas. Hai outros concellos que xa se aproveitaron del. Nós queremos esa rede que serviría de ocio e desfrute dos veciños de Nigrán e dos visitantes. Ademais do atractivo turístico contribuiría a combater o monopolio das especies pirófitas que dominan o monte de Nigrán creando zonas intermedias entre eles onde podería haber especies autóctonas. A nosa idea é crear eses parques en Chandebrito, Montecastelo, Parada, Monteferro, Panxón ou Priegue e, por suposto, sempre coa colaboración das comunidades de montes. Outra segunda idea é cumprir as liñas de protección dos núcleos habitados coa eliminación destas especies pirófitas, que xa a lexislación o esixe.
Que proxecto lle gustaría ao BNG facer por Nigrán?
Son varios. Son todos os que fun dicindo, pero vou escoller os que me gustaría a min ver realizados. Vou a dicir a rexeneración da Foz do Miñor, un lugar onde se mariscaba fai uns cantos anos e hoxe é un polígono pechado porque a contaminación non permite mariscar. A min gustaríame ver a rexeneración da Foz do Miñor e ver incluso ás mariscadoras traballar. E me gustaría tamén o saneamento integral do río Muiños. A rede de parques forestais sería tamén un proxecto fundamental e para tamén nomear algún no ámbito socio-sanitario queremos facer un centro de día en Nigrán. Cremos que debería estar no antigo centro de saúde de Panxón.