O BNG propón un Vigo dos “nenos e nenas” cun servizo de apoio á crianza

O BNG de Vigo vén de propoñer que o Concello poña en marcha un servizo municipal de apoio á crianza. Con esta iniciativa a fronte nacionalista pretende que se ofreza “un maior apoio aos diferentes modelos de familia no que ten a ver coa crianza e coidado dos fillos e fillas”, segundo explicou o concelleiro, Xabier Pérez Igrexas.

Este servizo desenvolvería diferentes actividades en colaboración e cooperación con colectivos sociais e administracións. Entre estas, Pérez Igrexas destacou a oferta dun asesoramento integral e gratuíto sobre cuestións como a lactancia, o porteo, o desenvolvemento psicosocial, alimentación e saúde infantís ou pedagoxía para a crianza. “Con este servizo colocaríamos a nosa cidade nunha posición de vangarda e atenderiamos necesidades de nais e pais que non están a ser atendidas desde o público”, defendeu o edil.

O portavoz municipal nacionalista destacou que neste momento este tipo de atencións están a ser ofrecidas por pequenas asociacións, con escasos medios e desde o voluntariado. Un traballo que Igrexas quixo “recoñecer e agradecer” mais demandou unha “maior implicación en políticas de apoio á crianza e á infancia por parte de todas as administracións, a principiar polo Concello”.

“Este servizo municipal de apoio á crianza quere ser a primeira pedra, o primeiro paso nun vieiro estratéxico que nos permita facer de Vigo unha cidade pensada para as nenas e os nenos, na que se teña en conta a cidadanía de menor idade”, resumiu.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*