A Orquestra Xove Vigo 430 volve co seu programa máis ambicioso

Este sábado 9 de marzo a  Orquestra Xove Vigo 430 subirá de novo ao escenario. Nesta ocasión, no Auditorio Martín Códax, para repasar as obras magnas de Beethoven, Weber e Schubert baixo a dirección de Roberto Baltar e coa incorporación de Andrea Álvarez como clarinete solista.

O programa do concerto abrirase co Valse Triste, núm 1, op. 44., unha composición obra da figura crucial da música finlandesa, Jean  Sibelius e que á súa vez forma parte de Kuolema, unha obra concibida como música incidental para unha obra de teatro obra do cuñado de Sibelius e que agora poderemos gozar en todo o seu esplendor ao ser interpretada pola OXV430 cunha coidada instrumentación. Posteriormente, o concerto viaxará cara á obra de  Carl  Maria von  Weber, concretamente ao seu Concerto para Clarinete núm. 1, op. 73, en Fa Menor.

Carl  Maria von  Weber é considerado o creador da primeira ópera romántica alemá, e sen dúbida, foi un compositor, director, crítico musical e  talentoso pianista que nos agasallou con pezas como o seu Concerto para Clarinete núm. 1,  op. 73 escrito para o clarinetista Heinrich Bärmann e do que poderemos gozar grazas á viguesa Andrea Álvarez, quen comezou os seus estudos na Banda- Escola de Música de Beade, formouse de maneira profesional nos Conservatorio Profesional e Superior de Música de Vigo co profesor Roberto  Noite, e actualmente é membro da Pacific Music Festival Orchestra, académica na Nederlands Philharmonisch Orchestra, tras formar parte da Orquestra Sinfónica de Madrid e da Real Filharmonía de Galicia.

O programa finalizará coa interpretación da Sinfonía  núm. 7, op. 92, a maior obra do colosal Ludwig van Beethoven. Composta cando só contaba con 42 anos. A Sétima Sinfonía estreouse no  paraninfo da Universidade de Viena como parte dun akademie, un pequeno concerto no que se mostraban ao público por primeira vez obras dun compositor. O propio Beethoven foi o encargado de dirixir á orquestra mesmo cando a súa xordeira xa o limitaba para escoitar as seccións máis fortes. Un evento moi especial xa que os beneficios do mesmo destináronse aos soldados  bávaros e austriacos feridos na Batalla de Hanau.

Nesta ocasión o director da  OXV430 será Roberto Baltar, nacido en Vigo en 1983, quen comeza os seus estudos no Conservatorio da cidade á que regresa de maneira habitual para colaborar con varios proxectos como director coa  Orquestra Sinfónica Vigo 430 e coa súa ramificación: a Orquestra Xove desde 2014. Unha labor que compaxina con ser membro de Airas Ensemble e cos seus estudos de dirección en Katarina Gurska en Madrid co prestixioso músico e director Vicente  Alberola.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*