Como cada outono, as facultades de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar implícanse conxuntamente na celebración do seu patrón, San Alberte. Ao longo desta semana os tres centros organizan unha morea de actividades tanto divulgativas como culturais e lúdicas que arrancaban este luns coa apertura da exposición de cogomelos, que se poderá visitar no vestíbulo do edificio de Ciencias Experimentais ata o venres da man de MycoGalicia Plantae.
Paralelamente a esta actividade, o xoves 10 de novembro ás 12:00 horas no salón de graos terá lugar unha conferencia da profesora xubilada e experta en micoloxía Marisa Castro, na que abordará a historia da micoloxía en Galicia e o papel das mulleres. Ademais, o programa de actividades comprende o tradicional concurso de fotografía científica, así como un novo certame de vídeos divulgativos científicos e un acto institucional que se celebrará o venres 11 e no que se entregarán os premios aos gañadores dos concurso. Tamén terá lugar unha mesa redonda e un relatorio co catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carracedo como principal convidado.
O evento arrancará ás 11:30 horas no salón de actos cunha mesa de debate sobre a situación da investigación en Galicia da man de Carracedo xunto coa catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Ángeles Sanromán e a profesora de Química Física da UVigo Isabel Pastoriza. Ás 12:30 horas Carracedo impartirá un relatorio sobre medicina personalizada e xenómica. Ás 13:30 horas se procederá á entrega de premios aos gañadores dos concursos e posteriormente, organizado polas delegacións de estudantes das tres facultades, celebrarase un magosto con xogos populares.
Unhas das actividades con máis tradición do San Alberte é o Concurso de Fotografía Científica, que este ano celebra a súa décimo novena edición. Organizado polo decanato da Facultade de Bioloxía, o prazo de presentación de traballos está aberto ata este mércores día 9 de novembro. Poderán presentarse imaxes de calquera temática sempre e cando estean relacionadas co eido científico e cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas, tanto en branco e negro como en cor e realizadas con calquera técnica, sempre e cando sexan inéditas.
O tamaño mínimo das fotografías será de 10 x 15 cm e o máximo de 20 x 30 cm. As obras deberán ir montadas sobre cartolina, cun marco de polo menos 2 cm onde figurará o título da obra. Cada participante entregará dous sobres cerrados: un deles, marcado externamente coa palabra “obra”, conterá as obras identificadas cun pseudónimo; no outro sobre, indicarase externamente o “pseudónimo elixido”, e incluirá o nome do autor, teléfono e correo electrónico. As obras depositaranse na Biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais.
O xurado, que estará composto por representantes do PDI, do PAS e do alumnado, elixirá un primeiro e un segundo premio e dous accésits. A persoa gañadora recibirá 300 euros, a segunda clasificada 200 euros e cada un dos accésits 100 euros. O día 11, ademais de entregarse os premios aos traballos gañadores, inaugurarase unha exposición coas obras presentadas.
Unha das novidades deste San Alberte 2022 é o concurso de vídeos divulgativos, unha iniciativa que vén a completar a oferta de actividades das facultades de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar. O obxectivo, explican dende os decanatos, é “dar visibilidade ao traballo realizado nos nosos laboratorios e fomentar a divulgación científica”, polo que o certame está aberto a toda a comunidade universitaria, sempre a cando o vídeo verse sobre algunha investigación, proxecto ou contido científico ou tecnolóxico.
Cada participante poderá presentar ata dúas pezas audiovisuais, en formato mp4 e cunha duración máxima de 10 minutos podendo estar tanto en galego como en español ou inglés. O xurado, que estará composto por representantes do PDI, do PAS e do alumnado, elixirá os tres mellores traballos e o primeiro clasificado recibirá como premio unha cámara GoPro Hero + LCD. O segundo premio consistirá nunha cámara Sony Cybershot DSC-W830B e o terceiro nun anel de luz led 14” Neewer RL-1.
Para poder participar, deberanse enviar os vídeos ou a ligazón de descarga á conta de correo electrónico [email protected] indicando no asunto Participación no concurso de vídeos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto, preferiblemente o teléfono móbil. Os vídeos poderán enviarse ata as 12:00 horas do 10 de novembro e as persoas gañadoras anunciaranse nas redes sociais das facultades e no acto de San Alberte do día 11.
As conclusións do estudo permitirán achegar recomendacións específicas a cada universidade
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL