Verbena, magostos e deporte para celebrar o San Martiño de Bueu

Bueu acollerá esta fin de semana as festas patronais na honra de San Martiño. Os festexos celébranse do 10 ao 12 de novembro e combinan a verbena co deporte e as actividades populares, cunha programación que será asumida polo Concello de Bueu, quen por segundo ano consecutivo toma as rendas desta festa popular coa colaboración da Asociación Bueu en Festas e da Deputación de Pontevedra.

O venres ás 17.00 horas, celebrarase o magosto das ANPA, organizado polas ANPA dos colexios A Pedra, Virxe Milagrosa e Montemogos de Beluso. Pola noite, a partir das nove e media, a verbena estará amenizada polas orquestras Principal e D’Moda.

O sábado, a Banda de Música Artística de Bueu ofrecerá un pasarrúas pola mañá, e pola noite (a partir das 21 horas) as orquestras Brujas e Fania Blanco Show porán a música. E xa o domingo, o pasarrúas será a cargo da Charanga Imperiais, e no adro da igrexa actuará a agrupación Recordos da Nosa Terra. A partir das 19.30, Jerusalén e Distrito 7 pecharán a festa.

Hai que destacar que a verbena se celebrará nos Xardíns de Urbano Lugrís (Campo da Estacada), e as atraccións estarán dispoñibles no porto.

Tamén, entre o 11 e o 12 de novembro, poderase visitar no adro pequeno da igrexa, a XVIII Mostra de Fotos Antigas que como cada ano selecciona a Asociación Cultural Santos Reis.

XXII Carreira Pedestre San Martiño

Os festexos tamén terán unha parte deportiva, coa celebración da XXII Carreira Pedestre San Martiño, que terá lugar o 12 de novembro. A carreira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, que será eminentemente urbana, e tomará a saída na Avda de Montero Ríos, á altura do Museo Massó a partir das 10 horas para as categorías inferiores (chupete, minibenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete). Xa ás 12 horas celebrarase a carreira de seis quilómetros na que poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 16 anos que se atopen ben fisicamente e que gocen de boa saúde en xeral.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*