Entre o 3 e o 9 de agosto, deportistas procedentes de 20 países reuniranse en Mumbai para participar no Campionato do Mundo Universitario de Squash, no que a Universidade de Vigo estará representada por Marta Domínguez. A estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte foi unha das seleccionadas pola Federación Española de Squash para participar nunha competición organizada pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) e a Universidade Somaiya Vidyavihar, que suporá ademais a terceira presenza desta deportista nun mundial universitario. Despois de acadar un bronce en 2022 e a medalla de ouro na competición individual en 2024, Domínguez Fernández acude a esta cita co obxectivo de subir novamente ao podio, tanto na competición individual como na modalidade por equipos.
Estudante de Máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, Domínguez completaba nas últimas semanas a súa sexta tempada no circuíto profesional de squash no posto 43 do ránking mundial PSA, o que converteraa nunha das cabeza de serie dunha competición que afronta, recoñece, “con moita ilusión” e que será ademais a súa derradeira oportunidade de participar neste torneo da FISU. De feito, viaxará a India semanas despois de defender o seu traballo de fin de mestrado e poucos días antes de cumprir os 25 anos, a idade máxima para participar neste torneo. Farao co reto de tentar revalidar o título de campioa do mundo universitaria, así como de tratar tamén de loitar polo ouro na competición por equipos, xunto cos outros tres deportistas cos que España acode a esta cita. “Conseguir os dous ouros sería o broche perfecto”, recoñece a representante da UVigo. “Para min este torneo sempre é moi especial, porque non e fácil compaxinar os estudos co deporte, polo que é como unha recompensa”, engade esta alumna, quen pon en valor as facilidades que lle brinda a institución académica para compaxinar a súa formación universitaria co circuíto profesional de squash, “porque sen iso, seríame imposible”.
Graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Domínguez convertíase en 2022 na primeira estudante da UVigo en subir ao podio nun mundial universitario de squash. Dous anos despois, proclamábase campioa do mundo universitaria en Sudáfrica, un logro que por aquel entón vía como “unha maneira preciosa de pechar o meu ciclo na Universidade”, posto que por naquel intre atopábase completando o máster de Profesorado en Educación Secundaria. Mais, a posta en marcha no presente curso do novo mestrado en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva converteuna de novo en alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde cursou un posgrao que recoñece como unha “grande aprendizaxe” e que á súa vez abríalle as portas dun terceiro mundial universitario.
A falta de coñecer quen serán os inscritos e inscritas polos diferentes países participantes, Domínguez acudirá a esta cita co obxectivo de “revalidar o título” acadado en 2024 en Suráfrica, tendo en conta ademais que a súa clasificación no posto 43 do ránking mundial converteraa nunha das rivais a bater. De feito, a competición de Mumbai suporá para Domínguez Fernández o retorno á competición tras as semanas de estudos e vacacións que está a vivir tras completar a mellor tempada da súa traxectoria. Nas últimas semanas, a deportista do Squash Rías Baixas pechaba o seu calendario de competicións no Brasil, onde lograba a vitoria no ECP Open de São Paulo e no Curitiba Open, as súas dúas primeiras vitorias en torneos de 15.000 dólares, que levárona a ascender máis de dez postos no ránking PSA. “O meu sono fora sempre estar no top 50 do mundo e, ata agora, nunca o conseguira”, recoñece Domínguez, que abría a tempada cunha medalla de bronce nos Wolrd Games, unha sorte de olimpíadas para disciplinas non presentes nos xogos. A este éxito sumaría logo o seu terceiro título de campioa de España, o cuarto posto no Campionato de Europa ou superar a primeira rolda do Campionato do Mundo, situándose por primeira vez entre as 32 mellores nesta competición.
“Foi a mellor tempada da miña carreira deportiva”, subliña. Nela, lembra, contou coa incorporación do profesor da facultade Pedro Vicente Vila como preparador físico, sumándose ao equipo técnico que completan o seu adestrador Damián Arosa e o seu compañeiro de adestramento Juan Simal, así como o psicólogo Rubén Domínguez, tamén profesor de Ciencias da Educación e do Deporte. “Agradézolles enormemente o traballo que fixeron comigo e que levounos a facer a mellor tempada”, subliña esta deportista, quen ve a súa participación en Mumbai como “un premio” para a unha faceta da que se sinte “moi orgullosa”, recoñece, a de “saber compaxinar a vida persoal e o estudos” co deporte profesional.
A estudante do campus pontevedrés da Universidade de Vigo foi seleccionada pola federación española de squash
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL