O BNG de Leticia Santos gaña as eleccións en Moaña. A fronte nacionalista converteuse esta noite no partido máis votado logrando desprazar ao Partido Popular ao obter o 40,15% dos votos.
O Bloque suma así 7 concelleiros, un máis que en 2015, namentres que o Partido Popular de José Fervenza perdería o liderado e caería aos 6 concelleiros ao congregar ao 32% dos votos. Pola súa parte, o Partido Socialista non foi quen de aproveitar a súa acción no goberno para crecer con respecto aos anteriores comicios e mantense nas 3 actas e perder 301 votos. Na parte baixa, Javier Carro e a súa Coalición Independiente por Moaña sube 386 votos pero non lle permite crecer con respecto a 2015 e queda cun único concelleiro.
Leticia Santos logra así o seu obxectivo de ser a primeira forza política de Moaña, tal e como expresou na entrevista de Metropolitano.gal.
A esquerda gaña forza en Cangas
En Cangas, a esquerda podería seguir no goberno xa que un futuro tripartito sumaría maioría absoluta. Con todo, o Partido Popular logrou a vitoria este 26M ao facerse con 30,15% dos votos e oito concelleiros. Un dato, a vitoria, que porén non esconde o descenso en número de votos con respecto a 2015.
Na esquerda, a Alternativa Canguesa de Esquerdas, de Xosé Manuel Pazos, mantense como segunda forza co 16,98% dos votos e catro concelleiros. En terceiro lugar, o PSdeG experimenta un forte crecemento ao duplicar o número de votos e alcanzar o 16,59% dos votos e 3 concelleiros, os mesmos que o BNG e Avante.
O BNG perde a maioría absoluta en Bueu
Mal dato para o BNG en Bueu. O partido liderado por Félix Juncal desángrase perdendo 1002 votos, aínda que logra manterse como a forza máis votada co 44,48% dos votos. No lado oposto, o PP logra un espectacular resultado duplicando o número de concelleiros para pasar de 3 a 6 co 29,94% dos votos. Con todo o BNG podería seguir na alcaldía se suma co PSdeG, que alcanza os dous concelleiros.