Iago Aspas, anfitrión dos Bolechas en Moaña

Foron ás Illas Cíes, comeron peixe e agora poñen rumbo a Moaña. Os Bolechas, posiblemente as personaxes máis populares entre os máis pequenos, protagonizan un novo libro. A familia galega que conquista dende anos a milleiros e milleiros de cativos e cativas percorrerá na súa última publicación lugares emblemáticos da localidade da comarca do Morrazo como O Fisgón, San Bartolomeu, A Poza da Moura, Chan de Arquiña ou as igrexas de San Martiño e Tirán.

Unha das novidades desta historia é que Os Bolechas atópanse na súa viaxe por Moaña co futbolista Iago Aspas e co gaiteiro Xavier Blanco. Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa tamén participarán nunha regata traiñeiras durante o Festival Intercéltico do Morrazo.

“Os Bolechas van a Moaña” é un percorrido de lugares, persoas e tradicións moañesas para que as nenas e nenos descubran o concello morracense da man da familia que creou Pepe Carreiro. Dende o Concello de Moaña sinalan que a importancia de que Os Bolechas “son un referente de familia galego falante e dese xeito vincula a Moaña co uso da lingua por parte da infancia”.

A publicación da Editorial Bolanda editouse por iniciativa do Concello de Moaña, que será o encargado de vender o libro por un prezo de 8 euros a través dunha tenda de comercio electrónico que se estreará o vindeiro luns na web municipal. Non obstante, “Os Bolechas van a Moaña” poderá adquirirse excepcionalmente na presentación do libro, este sábado ás 19:00 horas, aboando a cantidade coa tarxeta bancaria.

A publicación estrease este sábado 15 de setembro na carpa temática que instalou a Deputación de Pontevedra xunto ao Palco de Música. O “pai” dos Bolechas, Pepe Carreiro, estará presente para presentar esta publicación e asinar os primeiros libros para aqueles que o fagan pola vía da tarxeta bancaria.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*