"Os Rockenstein", o musical que crea estrelas de rock chega a Ponteareas

Nova proposta para toda a familia. O Auditorio Municipal de Ponteareas acolle este domingo 5 de maio, Día da Nai, a representación de “Os Rockenstein”. O musical da compañía Malasombra Producións poderase desfrutar a partir das 19:00 horas. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística que dirixe Hortensia Bautista sinala que xa está a disposición do público o servicio de reserva de entradas a través do correo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.es.

O musical ten como protagonista ao doutor Rockenstein, un gran profesor, un gran científico e un gran inventor, pero tamén un melómano consciente de que a boa música está desaparecendo do planeta. Para remedialo, no seu laboratorio decide crear un ser vivo, unha criatura e convertela nunha verdadeira estrela musical que salve ao mundo da desaparición do rock and roll. Para iso, mestura na súa máquina de experimentos os ingredientes necesarios para crear unha estrela de rock: un disco de Kiss, un póster dos Rolling Stones, un calcetín do guitarrista de AC/DC, un rizo de Tina Turner, unha chapa de Rosendo e moitas cousas máis.

O experimento resulta ser un éxito aínda maior do que se esperaba, pois da súa máquina de experimentos musicais non só sae unha criatura futura estrela de rock, senón que saen tres! Unha criatura masculina e dúas femininas, un nacemento que o doutor Rockenstein acolle con entusiasmo e rapidamente comeza a súa ardua tarefa: educar ás futuras estrelas de rock para que se formen antes como persoas que como rockeiros.

Esa educación será a través das nove cancións que compoñen este musical, e na que continuamente se pedirá a participación das espectadoras e espectadores, teñan a idade que teñan, para que o transcurso do espectáculo se aproxime á sensación de estar asistindo a un concerto de rock.

Por medio desas cancións, ese trío de futuras estrelas de rock aprenderá a importancia de vestirse e asearse, de alimentarse ben, a importancia de aprender cada materia que lle ensinan no colexio, a importancia de saber escoller un oficio, de coñecer o mundo e as persoas tan diferentes que o habitan, e tamén o importante que é aprender a saber coidar dun mesmo cando é necesario.

E unha vez rematada a súa formación, e xa preparadas e preparado para ser estrelas do rock, chega o momento de fundar, xunto co doutor, un grupo de rock que non deixará que o mundo quede sen escoitar bo rock and roll. Damas e cabaleiros, listos para gozar cos Rockenstein? Este domingo 5 de maio, no Auditorio Municipal de Ponteareas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*