Cinco máxicas andainas para descubrir Galicia e Portugal

O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos serán en Galicia e Portugal.

As andainas terán inicio o sábado 23 de febreiro cun percorrido pola Ecopista ao carón do Río Miño entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho, seguida dunha ruta polo Sendeiro do Tea o sábado 9 de marzo, a ruta de Peneda a Sistelo o sábado 6 de abril, a ruta da Pedra e da Auga e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.

Dende o vindeiro luns día 4 de febreiro e ata o venres 8 de febreiro ábrese o prazo de inscricións para esta actividade. Os interesados deben inscribirse na Oficina de Turismo situada no Concello antigo, poden chamar ao teléfono 986 61 45 46 ou mediante mail turismo@aguarda.es.  As prazas son limitadas porque se emprega un autocar para o traslado dos participantes. Terán prioridade aquelas persoas que asistan ás 5 andainas.

Calendario 2019 de andainas

Ecopista Vila Nova de Cerveira - Valença

Para comezar esta nova edición das Andainas da Guarda de xeito suave, realizarase un percorrido fácil polo tramo da ecopista que transcorre entre as localidades veciñas de Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho pola marxe portuguesa do Minho. A andaina comezará no Parque do Castelinho e darase por concluída na fortaleza de Valença, onde esperará un autobús.

  • Data: Sábado, 23 de febreiro
  • Distancia: 16 km – D
  • Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
  • Hora aproximada de chegada A Guarda: 15.00 h.
  • Prezo: gratuíta

Sendeiro do Tea entre Ponteareas e Mondariz Balneario

O percorrido comezará en Ponteareas, nas proximidades da praia do Freixo, e seguirá a senda sinalizada do río Tea que transcorre pola marxe dereita do río ata Mondariz. Ademais da típica vexetación de ribeira, os asistentes poderán contemplar fermosas praias fluviais, muíños e maxestosos cruceiros antes de rematar no afamado balneario de Mondariz. O concello máis pequeno de Galicia ben merece dedicarlle unha visita e algún paseo antes de volver no autobús para a casa.

Data: Sábado, 9 de marzo
Distancia: 13 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 16.00 h
Prezo: 10 €

Ruta da Peneda a Sistelo (Portugal)

A ruta comeza no santuario da Nossa Senhora da Peneda, un dos máis afamados do Norte de Portugal. Desde alí os participantes ascenderán ata a zona dun antigo lago glaciar e superada esta primeira dificultade a ruta diríxese en lixeiro descenso cara Sistelo, o pequeno Tibet. A paisaxe da serra da peneda coas súas brandas (Pardelhas, Furado Aveleira), da Bouça dos Homens, as aldeas de Padrao e Porta Cova, acompáñanos na viaxe ata divisar os típicos socalcos característicos de Sistelo, o Pequeño Tibet encravado no corazón de Portugal.

Data: Sábado, 6 de abril
Distancia: 20 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18.00 h.
Prezo: 10 €

Ruta da pedra e da auga en Meis

Comeza e remata a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira. A andaina está composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira. Nos arredores de Barrantes os asistentes iniciarán a ruta polo río San Martiño que permitirá contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.

Data: Martes, 1 de maio
Distancia: 20 km
Saída: 8.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19.00 h.

Ruta dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas 

É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 metros. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido poderase contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.

Data: Sábado, 1 de xuño
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*