Zahera, Manquiña e Digón converten o día de reflexión nunha noite de retranca

Pouca reflexión e moita retranca. E ademais, música. Ese será o resultado de xuntar sobre o escenario ao humorista Oswaldo Digón, o actor galego que acaba de ser premiado cun Goya Luis Zahera e máis ao todoterreo vigués Manuel Manquiña, que comparece sobre o escenario acompañado do seu grupo de música, Los Fabulosos Weekend. É a primeira vez que “Noites de Retranca” reúne nun escenario a Manquiña, Zahera e Digón, un tridente que moi complicado de volver a reunir nesta proposta de “Noites de Retranca”.

“Noites de Retranca” é o espectáculo de humor galego máis visto de todos os tempos. Logo de nove anos sobre os escenarios de Galicia e España, xa chegou a máis de 50.000 persoas. Aposta por ir un paso alén do monólogo: reúne sobre o escenario actores e actrices do panorama galego con vis cómica e tamén humoristas. Ademais, ás veces propón asociacións inéditas de talentos. A cita terá lugar este sábado 25 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio Mar de Vigo, espazo no que tamén se desenvolve esta fin de semana o Mahou Urban Food Festival.

Entre as novidades de “Noites de Retranca” para esta función en Vigo estará a importancia da música. A banda sonora do espectáculo chega da man de Los Fabulosos Weekend e un Manuel Manquiña, que ademais de cantar, contará. O fará con humor xunto a un Luis Zahera que volva á urbe galega cun espectáculo de gran formato dende que no pasado mes de febreiro recibiu o Premio Goya ao Mellor Actor de Reparto pola súa interpretación en “El Reino”.

Oswaldo Digón completa o cartel. O humorista, que mantivo un espectáculo de humor en cartel en Barcelona durante catro tempadas consecutivas, ten claro cal é clave para facer humor: “Son cómico porque me tomo a vida moi en serio”, asegura con frecuencia.

As entradas están á venda na web de Ataquilla dende 13 euros. Tamén poden comprarse, ata esgotar aforo, o propio sábado na billeteira do Auditorio Mar de Vigo a partir das 20:00 horas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*