O concerto de Treixadura abrirá as festas do Cristo de Salceda

O Estourazo marcará este sábado o inicio das festas do Cristo de Salceda, que se prolongarán até o luns, día 16, festivo local. Este ano, o discurso inicial estará marcado polo baby boom que vive o municipio, que unido á chegada de nova poboación fíxoo pasar de pouco máis de 6.000 habitantes nos 2000 aos máis de 9.000 rexistrados no pasado ano. Salceda leva estado á cabeza tanto no que se refire á maior taxa de natalidade como á menor idade media dos municipios de Galicia.

O Estourazo, que terá lugar ás 22:00 horas, correrá a cargo de Inés Curro, creadora de proxectos como “O Coliño Bailongo”, que se ten convertido xa en referencia en Galicia e España como método para favorecer un bo embarazo e un parto máis fácil.

Tralo inicio oficial das festas, a verbena nocturna chegará cunha dobre cita, da man da orquestra Nazaret e da actuación do grupo Treixadura, grupo de música tradicional e cantigas.

Logo de vinte e oito anos de traxectoria, despois de sorprender en 1990 cos seus primeiros espectáculos musicais, o grupo foi madurando e facéndose un nome propio na escena tradicional galega. Agora, coa publicación do seu novo disco “Inda canto”, aposta por reinventarse e seguir andando camiños musicais, sempre a carón da tradición. A música arrancará ás 23:00 horas.

O domingo, a programación da festa comezará coa proclamación, ás 11:45 horas, dos “salcedenses distinguidos e distinguidas”, que este ano serán Jose Rodríguez Martínez, Juan Soto Fontaíña e Elva Lemos Márquez. Na noite, a verbena correrá a cargo das orquestras Pasarela e Canela.

Por último, o día grande, luns 16 de xullo, a festa virará cara os máis pequenos, protagonistas do Estourazo do venres. Ás 20:00 horas comezará o contacontos “A historia de Brancaflor”, recomendado para nenos e nenas de entre catro e nove anos.

Seguiralle o espectáculo de “O Coliño Bailongo” ás 21:00 horas e a clase de zumba aberta ás 21:30 horas.

As festas do Cristo 2018 de Salceda de Caselas rematarán de verbeneo coas orquestras Saudade e Kubo. Esta última, formada por rostros coñecidos do mundo das verbenas como Dani Lamas ou o mosense Antonio Barros. A agrupación ofrece un espectáculo innovador cun escenario de 11 metros no que promete, ante todo, espectáculo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*