Santi Davila (PP): "Queremos construír un gran parque lúdico-temático nas ribeiras do Caselas"

En poucas palabras, por que as veciñas e veciños de Salceda de Caselas deben apoiar a súa candidatura nas eleccións municipais?

Os veciños teñen dúas opcións. Que siga o actual alcalde -porque o PSOE non foi quen de buscar unha alternativa ou ben porque vai pactar con el- ou ben votar a opción que eu represento. Somos os únicos que estamos ao alcance de facer esa alternancia política tan importante. Tamén porque temos un gran equipo de veciños de todas as parroquias e sectores e polo gran programa electoral. Plasmamos todas as necesidades, a rebaixa de impostos e a solución de problemas de fai moito tempo. Recolle o que necesita o casco urbano -que tamén- pero tamén o que precisan as parroquias e barrios.

No caso de ser alcalde, como imaxinas Salceda dentro de catro anos?

Unha Salceda de Caselas en sintonía, en paz, en concordia e sen veciños de primeira e de segunda. Este alcalde recrimina aos que discrepan e non o aplauden ou son linchados nas redes sociais. Todos pagamos impostos en Salceda, menos algúns que non viven aquí como é o caso do alcalde. Unha vez haxa paz social, intentaremos solucionar problemas no eido da conciliación coa creación dunha Galiña Azul, daremos solución á mobilidade do tráfico co acceso directo dende a estrada de Soutelo a Salvaterra ou esa circunvalación tan necesaria.

Cales son os retos culturais que ten Salceda?

Quero recuperar os veráns culturais que se organizaban fai 15 ou 20 anos. Se vemos o cartel daqueles anos e o comparamos co actual dá moita pena ver como a cultura baixou drasticamente na súa calidade, cantidade e variedade. Dáme moita tristeza ver programas culturais de concellos moito máis pequenos e moi preto de aquí en comparación cos que temos. Non se atende á variedade e diversidade dos veciños. Céntrase en certas artes culturais e non atende outras sensibilidades. Seguiremos apostando pola asociación de amigos e amigas da música e recuperaremos as subvencións que o actual alcalde rebaixou. Máis axudas e valorando o traballo altruísta das xuntas directivas premiando a diversidade, o número de actuacións e o número de grupos. Non pode ser que todos cobren por igual. Hai centros culturais sen teatro ou grupos folclóricos que cobran o mesmo que aqueles que si o teñen.

As familias representan boa parte da poboación salcedense, que plan teñen os populares para eles?

É unha ledicia que Salceda sexa noticia por iso. Hai persoas como é o meu caso que tivemos tres fillas. Somos un concello que medra, moi xove e hai que dar solucións. Non se leva feito nada nese eido. Propoñemos tres cuestións. Traballaremos arreo para unha nova Galiña Azul en Parderrubias con fácil comunicación. Seguiremos mellorando as aulas unitarias e intentaremos implementar o servizo de comedor para que teñan as mesmas oportunidades as persoas que viven no rural con respecto ás que viven no centro. E, en terceiro lugar, dotaremos e melloraremos as áreas recreativas e de esparcemento. Débese mellorar moito o Parque Raíña Aragonta con xogos cubertos, remodelar a contorna da piscina municipal cunha zona de ocio con aparellos de auga para o verán e construír ao lado das ribeiras do río Caselas un gran parque lúdico-temático de 50.000 metros cadrados que son da Xunta.

Que sería un bo resultado nas eleccións do domingo?

Sería que os salcedenses acertaran nunha alternativa deste goberno, que é a de mulleres e homes que encabezo. Me gustaría unha maioría suficiente para gobernar en solitario para que non haxa bloqueo e a tentación dunha alternativa de outros partidos, todos xuntos contra un partido que terá máis votos que os demais. Unha maioría absoluta e que en catro anos os veciños decidan de novo. Se nos equivocamos teñen todo o seu dereito para sacarnos do goberno. Pido unha oportunidade que outros tiveron durante 12 anos para demostrar que esta nova candidatura renovada coñece as necesidades dos barrios e parroquias porque saímos de aí.

E un malo?

Sería non manter o número de concelleiros actual e baixar en número de votos. Sería un nefasto resultado que asumiría en primeira persoa.

Con quen estaría o PP disposto a pactar?

Estou sempre en disposición de acordar. Fíxese que quedei ao borde da maioría absoluta no 2011, a 67 votos, e o PSOE deu o goberno ao actual alcalde. No 2015 non logramos a confianza que nos gustaría e baixamos un concelleiro quedando na oposición. Eu me pregunto que fará o PSOE o domingo e se respectará a vontade dos salcedenses, que estou convencido darán un apoio maioritario ao noso grupo. A única alternativa viable para que o actual alcalde non o siga sendo é concentrar o voto na candidatura popular. Honesta e sinceramente. O obxectivo dos outros partidos é que o PP non logre gobernar. Para rematar, se non teño maioría suficiente para gobernar en solitario e somos a forza máis votada, a nosa vontade é acordar, negociar e respectar a vontade dos salcedenses. Faltaría máis. Eu lle planteei en reiteradas ocasións ao PSOE -despois dos escándalos que estamos vendo- unha moción de censura ao actual goberno.

Vostede acusa ao Concello de mentir co superavit... Por que?

Cando un na casa ingresa 12.000 e gasta 11.000 ten un superávit de 1.000 euros. Ah, pero se ese veciño debe a factura do centro cultural, recibos de auga e luz, compras na tenda... e todas esas débedas superan os 1.000 euros ese famosos superávit non existe na realidade. En realidade ten un pufo. Iso é o que fai este goberno. Deixa de pagar as facturas pero en realidade ten débedas de case un millón de euros do anterior exercicio. É unha falsidade que se presenten como grandes xestores cando en realidade son uns puferos. Iso pasa e vai pasar neste 2019. É un escándalo as cacicadas que están a facer asfaltando entradas de camiños de casas particulares e estradas que estaban feito un desastre e todo vai quedar sen pagar. Non temos orzamento nin partida orzamentaria, foron contratadas a empresas a dedo. O que tanto criticaba a outros que o facían parecido anos atrás, agora o fai multiplicado por dez. Faremos unha auditoría.

O Goberno acúsao de estar detrás das protestas de parte dos traballadores municipais...

Escusa de mal pagador. Cando a un lle vai mal ataca ao adversario. Trátase de difamar. Estes traballadores levan máis de 30 anos no Concello e ningunha tacha na súa traxectoria. Nos últimos meses o alcalde pretende un linchamento público de moitos deles porque son familiares ou coñecidos de todos nós. O alcalde se equivocou nas formas e non sabe estar á altura do cargo que representa. É alcalde de todos. É o único Concello que non recoñece os trienios, que non ten Convenio Laboral, que non ten RPT aprobada. Os traballadores teñen que ir aos xulgados para que se recoñezan os seus dereitos laborais. O Concello non ten vestiarios acordes e non dá a roupa de traballo anualmente. É lamentable o que está sucedendo. Pídolle aos traballadores confianza. Poñerémonos a negociar, que non ceder, para chegar a un bo acordo para as dúas partes e poder aprobar a RPT e sacar prazas novas.

Que proxecto lle ilusionaría a Santi Davila?

Tres. A nova Galiña Azul. A reforma integral do edificio social da Devesa que iría acompañado do novo centro de día para os nosos maiores. E mellorar os equipamentos deportivos á vez que saen adiante os grandes proxectos de ocio e esparcementos para os mozos e mozas. Imos poñer todo o noso empeño.

PP DE SALCEDA DE CASELAS

Fai clic aquí para ver a lista completa

PARTIDO POPULAR (PP)

1. SANTIAGO RODRÍGUEZ DÁVILA

2. JOAQUÍN NÚÑEZ TRONCOSO

3. ANA CRISTINA PÉREZ CABALEIRO

4. PRIMITIVO GONZÁLEZ SOUTO

5. ANGELA VALCARCELBERNARDEZ

6. NOELIA PÉREZ DOMINGUEZ

7. JOSÉ ANTONIO SANJUAN RAMALLO

8. MANUEL ESTÉVEZ BURGO

9. MANUEL GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

10. YOLANDA CARRACEDO PÉREZ

11. MARTÍN ACUÑA VAQUEIRO

12. MIRIAN GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

13. EMMA PEREIRA IGLESIAS

Suplentes

1. MANUEL GONZÁLEZ LORENZO

2. ANTONIO PIÑEIRO GIL

3. FELIX MÉNDEZ GONZÁLEZ

4. VANESSA ROCHA NÚÑEZ

5. MARÍA DE LOS ANGELES RODRÍGUEZ ROMERO

6. RUBEN NESTOR RODRÍGUEZ GONZÁLEZ

7. DIANA PÉREZ CASTRO

8. ANTONIO BESADA GONZÁLEZ

9. MARÍA ANDREA FERNÁNDEZ CARRERA

10. JAIME RODRÍGUEZ GARRIDO

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*